Xornal en papel e dixital

Sermos Galiza revela hoxe o nome do diario en galego

[Imaxe: Xan Muras] Parte das persoas asistentes á presentación do proxecto para a saída do diario o 27 de xaneiro de 2018.

Sermos Galiza S.A. organiza após a súa Xunta Xeral de Accionistas un acto para persoas subscritoras, accionistas e colaboradoras en que revelará o nome e o deseño da cabeceira do diario en galego.

Sermos Galiza S.A. presenta hoxe o nome e o deseño da cabeceira do diario en galego, cuxo proxecto anunciara en novembro de 2017, logo de conmemorar o quinto aniversario do medio. Farao nun acto para persoas subscritoras, accionistas e colaboradoras que decorrerá no mediodía do sábado, após a realización da Xunta Xeral de Accionistas, na compostelá Nave de Vidán.

 

Presentaranse detalles xornalísticos e gráficos dun proxecto que medrará ao longo de 2020: estrutura, seccións e cabeceira serán reveladas este sábado da man de Xoán Costa, presidente do Consello de Administración, Pepe Barro, autor do deseño do diario en galego, e María Obelleiro, directora do diario dixital e do semanario Sermos Galiza.

 

Desde aquel novembro de 2017, Sermos Galiza S.A. emprendeu unha travesía destinada a socializar o proxecto e a lograr o compromiso mínimo de 3.000 persoas que, coa súa presubscrición, garantisen a viabilidade económica dunha iniciativa que naceu da pluralidade e do diálogo entre Sermos Galiza S.A. e todas as asociacións e organizacións colectivas que confían nas capacidades dunha Galiza real.

 

Alcanzadas as 3.000 subscricións mínimas ao longo de 2018, Sermos Galiza S.A. quere neste ano andar máis un treito no camiño de facer realidade tanxíbel o diario en papel e dixital que Galiza precisa. Así, está traballando na preparación do lanzamento do medio para finais de 2019 (cando verán a luz os números cero) ampliando a base de subscricións e dotándoo de corpo xornalístico e económico para lograr produto informativo útil para o pobo galego e tamén sostíbel economicamente no tempo.