Sermos Galiza reparte 3 mil exemplares do monográfico sobre os medios de comunicación

[Imaxe: Laura R. Cuba]

Sermos Galiza S.A. repartiu tres mil exemplares gratuítos da publicación monográfica sobre medios de comunicación que editou con motivo do Día das Letras Galegas. Un suplemento ideado como punto de partida para a saída de O Diario Galego.

Máis de 3.000 exemplares de Ti contas, o suplemento sobre medios de comunicación editado por Sermos Galiza para promover O Diario galego, foron entregados a persoas que participaron da mobilización convocada por Queremos Galego con motivo do Día das Letras Galegas 2018.

 

Trátase dunha publicación que recolle unha entrevista sobre O Diario Galego con Xoán Costa –presidente do Consello de Administración e conselleiro delegado de Sermos Galiza S.A.-; outra con Martxelo Otamendi, o director de Berria, o diario vasco escrito integramente en euskera publicado seis días á semana; con Esther Vera, a directora de Ara, diario en catalán, e outra con Mário Ramires, director do diario portugués i, que se publica cinco días á semana.

 

Ademais, o monográfico recolle a intervención da xornalista Tareixa Navaza no acto de presentación de O Diario Galego, o 27 de xaneiro, en Compostela; unha peza da catedrática da USC Margarita Ledo sobre medios e identidade baixo o título “Un Diario en Galego? Si, Grazas?”; un artigo do xornalista Erik Dobaño sobre o sistema de medios da Galiza, “Outra Prensa é Posíbel. E Necesaria”; unha colaboración do catedrático da USC Xosé López sobre o panorama mediático actual, baixo o título, “Un Sistema Mediático en Mudanza. Os Actores dun Modelo inacabado”, e un estudo do xornalista Manuel Vilas sobre subvencións, “Quen Paga, Manda. Subvencións, Convenios e Publicidade”.

 

Este monográfico foi entregado tamén xunto ao semanario Sermos Galiza 296, xa nas casas de persoas subscritoras e á venda nos quiosques e na loxa. O suplemento repartirase de balde nos actos de presentación de O Diario Galego que Sermos Galiza organizará ao longo do país. 

 

[Se queres pre-subscribirte a O Diario Galego podes facelo a través desta ligazón. Lembra que só che cobraremos o ano que vén, unha vez confirmadas as 3 mil subscricións necesarias para facer este diario unha realidade]