Sermos Galiza: Peste, bestas e relixión en Sabucedo

O suplemento de 32 páxinas que se publica os sábados acompañando Nós Diario mantén a súa cita cos lectores e lectoras mesmo en tempos de pandemia e confinamento. Neste número, afondamos na orixe da Rapa das Bestas de Sabucedo (A Estrada), falamos con Xosé Lois Romero ou percorremos os universos distópicos das creadoras galegas.

As 32 páxinas do semanario Sermos Galiza chega aos quiosques este sábado co Nós Diario, cumprindo coa súa cita semanal cos lectores e lectoras malia a pandemia do coronavirus.

Toda festa de orixe popular garda certa mitificación, simbolismo e identidade. A tradición oral sobre a Rapa das Bestas de Sabucedo fíase cun compoñente relixioso. A veciñanza desta parroquia da Estrada cre que xurdiu dunha gran peste que afectou a comarca de TabeirósTerra de Montes. Dúas irmás de Sabucedo ofrecéronlle ao patrón da parroquia, San Lourenzo, un par de bestas da súa propiedade se as defendía da epidemia. Pasada a peste, as mulleres cumpriron o seu ofrecemento e doaron as dúas bestas ao párroco. Cos anos, os cabalos salvaxes multiplicáronse nos montes da bisbarra. 'Peste, bestas e relixión en Sabucedo' é o título da reportaxe central deste número, no que afondamos no simbolismo e na importancia dunha das festas máis distinguíbeis do noso país, un texto acompañado dunha ampla reportaxe fotográfica.

Falamos con Xosé Lois Romero. Os pulsos da terra traducidos aos latexos musicais, o máis íntimo convertido en percusión, acompañada de voces de mulleres, un eco atemporal. Son as músicas que remiten ao pasado colectivo, ao máis próximo que é tan galego, tan noso, como universal. 'Latexo' é o novo disco de Aliboria, grupo dirixido polo compositor Xosé Lois Romero, que vén debuxando nos últimos anos un novo horizonte na experimentación musical. A súa chave, ademais da imaxe da nova portada, é, en palabras do compositor, "seguir innovando, reinventando a tradición".

"A percusión e a voz, neste caso a das mulleres, son os elementos máis primarios no concepto, non xa só da música, senón da humanidade enteira", confesa.

GZ distópica

O virus espandiuse rapidamente. Cando se declarou o estado de alarma, a cousa tornou seria. Recluídas nas súas casas, debían saír para o mínimo imprescindíbel. Evitar o contacto, illarse, baixo a promesa do ben común… Hai uns meses, estas liñas ben poderían ser tiradas dunha novela de ciencia ficción. Mais hoxe, semella que chegou a distopía. Catastrofismos á parte, adentrámonos nos universos distópicos das creadoras galegas para, diseccionando o propio concepto, rastrexar o presente que agocha e constitúe a cerna da propia distopía e dos futuros que falan do presente. Un tema que tratamos en GZ Distópica

Andar e ver

Da man do Colectivo Xea continuamos a percorrer Galiza. O Monte Lourido é a viaxe que nos propoñen desta volta. As parroquias homónimas da Ramallosa ven pasar o Miñor xusto no treito final do río. “Ao sur está Santa Cristina; ao norte, San Pedro da Ramallosa, na marxe dereita. De sempre foi unha zona intensamente poboada, ao que hai que sumar nas últimas décadas unha forte presión turística, notábel sobre todo no verán. Porén, segue a ser un lugar atractivo mesmo desde o punto de vista natural, coa foz que forma o río na súa desembocadura e que, neste caso no inverno, congrega ducias de especies de aves”. Así comeza esta viaxe.

Literatura, música, deseño, arquitectura, cinema... Oito páxinas do suplemento para debruzarse con tranquilidade sobre estes temas.