Sermos Galiza: sobre os pasos do ferrocarril

As 32 páxinas do semanario traen este sábado ás lectoras e lectores de Nós Diario unha conversa a fondo co arquitecto Manuel Gallego, unha reportaxe sobre as estacións de ferrocarril na Galiza e achegámonos até o culto á auga en Santa Eulalia de Bóveda.

O tren entendíase como o progreso. As estacións do ferrocarril sentíanse como prometedores símbolos do corpo e da alma, do progreso de vilas e cidades que se sentían afortunadas por abrir portas ao mundo. As estacións do tramo de Sanabria á Coruña ou a estación de San Cristovo da Coruña son verdadeiras obras de enxeñaría, infraestruturas sensíbeis con gran carga histórica que, a día de hoxe, se presentan nun estado de conservación cuestionábel.

“A historia do ferrocarril na Galiza aínda está por facer”, comenta Felipe Senén nesta reportaxe, 'Para unha historia do ferrocarril na Galiza'.

Como cada mañá, Manuel Gallego acode ao seu estudio da Coruña. Aos seus 84 anos segue, xunto aos seus colaboradores, deseñando edificios para o futuro. Atarefado, pensado nas novas obras, mantense activo. Sendo un dos máis recoñecidos da profesión, continúa a traballar coa modestia dun artesán que fai simplemente o que mellor sabe facer. Iago Valverde conversa con el para este número do Sermos Galiza.

Santa Eulalia de Bóveda érguese como un espazo de culto intimamente ligado coa auga. Desde a fermosa ornamentación que caracteriza o templo até a magnífica localización que o acolle, conformada polo val do Mera, a fonte do castro de Corvazal, así como o alxibe interior, unha contorna que deixa patente a transcendencia deste elemento non exento de rituais e crenzas. Falamos disto en 'A esquecida Santa Eualia de Bóveda'.

De Portocelo a punta Pardiñas

Da man do Colectivo Xea seguimos a percorrer a costa de Xove. Desta volta principiamos en Portocelo, a onde imos desde Xove por Sumoas e Vilapol, uns 5,5km, para percorrer desta volta algo máis de 15km que, ao igual que na primeira camiñada, combinan os Camiños Naturais do Cantábrico e varios desvíos para andar o máis preto posíbel da beira do mar e achegarnos a algúns puntos de interese que se atopan fóra do camiño .

E non remata aquí este número do semanario. Oito páxinas centradas na literatura, música, cinema, arte e mapas achégannos novidades, debullan propostas, informan, propoñen e convidan da man de Mario Regueira,López Foxo, Irene Pin, Do Pico Orjais, Andrés Castro, Carlos L. Bernárdez e Cilia Torna.