Sermos Galiza: órganos na Galiza, tesouros agochados

sermos órgano

As 32 páxinas do semanario traen este sábado ás lectoras e lectores de Nós Diario una reportaxe sobre os órganos e a súa tradición e vixencia, una conversa de vagar con Diego Martínez Penas, adestrador galego a triunfar no fútbol, e a resistencia musical ao vivo perante a pandemia.

O ciclo ‘De lugares e órganos: músicas e outras paisaxes de Compostela’ volta á capital da Galiza na súa quinta edición despois de ser adiado pola emerxencia da Covid-19. Constitúe este o reencontro dunha cidade co seu histórico motor musical, o órgano, e tamén a escaseza de recursos e persoal arredor dun artefacto histórico, patrimonio da Galiza que chega mesmo ao Brasil. Son poucas as persoas hoxe dedicadas ao oficio e interpretación deste instrumento tan particular como esencial na historia musical do país.

A Galiza, epicentro organístico

Son estruturas na marabilla da fusión mecánico-musical que viviron a súa época de esplendor nos séculos previos ao XIX, nun Antigo Réxime onde a liturxia era inexplicábel sen o acompañamento musical e no que a Igrexa posuía máis cartos e poder: "No século XVI os dous organeiros máis activos estaban en Vigo: Pedro Vélez e Pedro Martínez de Montenegro. Traballan por toda a Galiza, pero especialmente en Santiago de Compostela, lugar da catedral e mosteiros potentes", detalla Andrés Díaz na reportaxe que abre este número de Sermos Galiza.

‘Diego Martínez, triunfo no sur’. Definir Diego Martínez Penas (Vigo, 1980) como o "adestrador de moda" suporía dotar dun matiz de temporalidade e, peor aínda, de casualidade un éxito que é froito de dúas décadas de traballo constante, que comezaron o día no que, con tan só 18 anos, este galego marchou da súa terra –triste sino da nosa mocidade– na procura dun futuro mellor. Atopouno en Andalucía, onde a base de traballo pasou de dirixir o Cadete 'B' do modestísimo Imperio de Albolote ao Granada Club de Fútbol, conxunto ao que acaba de clasificar para Europa por primeira vez en toda a súa historia.

"No fútbol custa moito adaptarse a toda esta nova situación, pero en comparación co contexto social tan duro que se está vivindo, somos uns privilexiados", indica nesta conversa con Héctor Pena.

Verán tras verán podemos percorrer o país saltando de festival en festival. A dioiva de propostas coa música ao vivo e outras actividades culturais como protagonistas á que estabamos acostumadas vai quedar este ano nun orballo. Así e todo, gozar da cultura propia e das mellores paisaxes é posíbel. Recollemos as historias de catro festivais de 'pequeno formato' que cumpren máis unha edición malia a crise sanitaria. A súa proposta,? unha chea de actividades musicais, deportivas ou divulgativas nas localizacións con maior riqueza natural da Galiza. Falamos disto en ‘A música ao vivo resiste na Galiza’.

Da praia dos Riás á punta de Razo

O Colectivo Xea proponnos neste número una e unha camiñada entre as puntas da Pedra Negra ou o Cociñadoiro (costa leste de Malpica) e a punta do Chan de Razo (Carballo), no espazo natural protexido como LIC/ZEC Costa da Morte.

“Neste tramo do litoral é imposíbel facer un percorrido continuo polo abrupto do relevo, altos cantís separados por vales fondos e estreitos polos que escoan cara ao mar, en forma de minguados regueiros, as augas dos arredores; pero con numerosos e interesantes espazos puntuais aos que se pode acceder desde as localidades máis próximas, con curtas camiñadas de ida e volta e variado interese”.

E non remata aquí este número do semanario. Oito páxinas centradas na literatura, música, cinema, deseño e arquitectura achégannos novidades, debullan propostas, informan, propoñen e convidan da man de Mario Regueira, Xulio Carballo, Olga Brañas,  Celia Eiras, Andrés Castro, Pepe Barro e Lázaro Armental.