Sermos Galiza: Mulleres con voz

O semanario de 32 páxinas que se publica este sábado, ás portas do 8M, acompañando Nós Diario debrúzase sobre a precariedade que sofren as traballadoras galega, afonda naquelas desigualdades menos visíbeis e entrevistamos Sés.

O semanario Sermos Galiza chega aos quiosques este sábado co Nós Diario. Xuntos suman 64 páxinas de xornalismo en galego, 32 do xornal e 32 do suplemento que todos os sábados acompaña o diario. 

‘Prender a luz’: Coas imaxes das rúas de Verín asulagadas polo movemento galego aínda frescas e dúas convocatorias previas do 8-M cruciais en termos de participación e de impacto social, mulleres de colectivos historicamente relegados reclaman ensanchar o foco do feminismo para sacar da marxinalidade as vulnerabilidades das que son menos visíbeis. Porque o que non se ve non existe, botan luz sobre as súas desigualdades para poder facerlles fronte de forma colectiva.

 

Desde converterse en grupo revelación de AcoruñaSon en 2007 con ‘Chámalle Xis!’, María Xosé Silvar, máis coñecida como Sés, mostra unha carreira que non é fortuíta, senón froito do traballo duro e constante. Acaba de volver da súa primeira xira por Latinoamérica, directamente para presentar o seu sétimo álbum. Liberar as arterias chega así amadriñado polos versos da poeta e activista Luz Fandiño, cunha mensaxe que se rebela contra a escravitude do odio. Após esgotar billetes en Barcelona, esta sexta feira encheu en Vigo, primeira das moitas datas xa programadas que a levará desde os escenarios máis cativos de Narón, Guitiriz ou Meis, até palcos estatais en Bilbo, Donosti, Málaga ou Madrid.

"Son as nenas de agora as que están comezando a destruír a gran mentira xenocida da humanidade que é o xénero. deberiamos darlles as grazas por comezar algo que non soubemos pór en marcha", afirma.

‘Precariedade, sinal distintivo das traballadoras galegas’. A todas luces, a situación da muller no mundo laboral reflicte unha desigualdade que non é allea ás estatísticas. Os últimos datos da Axencia Tributaria e da Mostra Continua de Vidas Laborais da Seguridade Social traducen de maneira cuantitativa a fenda salarial e das pensións, así como a discriminación que enfrontan as galegas con máis xornadas parciais, maior incidencia da temporalidade, salarios máis baixos... Debullamos a precariedade, sinal característico das traballadoras da Galiza.

De Santa Mariña a Camelle

Unha camiñada pola cerna da Costa da Morte. É o que nos propón o Colectivo Xea. “Día claro, mar de fondo, grandes ondas que escachan desde lonxe, vento lixeiro en contra que ergue e despeitea as cristas... E camiño por diante para horas”. Un camino comeza no porto de Santa Mariña, ao abrigo do cabo Veo e a punta do Capelo; un punto no que contrastan as augas calmas do peirao e o bater das ondas nas rochas vermellas, puídas e húmidas que brillan ao sol do inverno.

Mario Regueira e Susana Sánches Aríns fálannos de libros, de propostas literarias de diferente ámbito e mesmo diferente público.

Belem Tajes fálanos de música, de novos traballos que pasean polo pop, de folk, de clásica.

No apartado de Cinema Andrés Castro debulla ‘Cuestión de xustiza’ e tamén nos fala dunha serie de filmes que considera de interese.