Sermos Galiza: Monte vivo fronte ao eucalipto, Marta Pazos e a moda galega fía o seu futuro

As 32 páxinas do semanario traen este sábado ás lectoras e lectores de Nós Diario unha conversa a fondo coa directora de escena Marta Pazos, unha reportaxe sobre as alternativas que agroman nos montes da Galiza fronte ao eucalipto, e as novas mans da moda galega.

Nas últimas décadas a expansión do eucalipto no monte galego non dá visos de deterse. Malia as consecuencias medioambientais que isto ocasiona, este proceso foi amparado polas institucións co argumento de ser unha fonte de riqueza para un rural cada vez máis abandonado. Plantándolle cara ao modelo, moitos colectivos e comunidades de montes están demostrando que outra xestión do territorio é posíbel para crear riqueza e ser sostíbel ecoloxicamente.

Debullamos alternativas en marcha nos montes galegos que fan fronte á política de monocultivo e 'deserto verde'. "As axudas para a creación de alternativas ao eucalipto son unha ridiculez cosmética que non cuestiona o actual modelo", afirman.

Marta Pazos (Pontevedra, 1976), directora de escena, recibirá o Premio de Honra Roberto Vidal Bolaño da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia após un ano no que estreou dúas óperas –unha delas, A amnesia de Clío, a primeira galega de gran formato do século XXI–, un espectáculo nos límites do teatro –Hemos venido a darlo todo–, realizou a escenografía para a última produción do Centro Dramático Galego –Neorretranca e posmorriña– e comezou a ensaiar outra obra para o Centro Dramático Nacional. Pazos e a súa compañía, Voadora, están en plena efervescencia de proxectos e éxitos, transformadas nun dos valores máis seguros da escena galega.

Falamos con ela no Sermos Galiza. “Nós traballamos situándonos no lugar das espectadoras. Cando pensamos que imos facer, pensamos tamén no que nos gusta ver, no que a nós nos transforma. Se queremos un teatro transformador, temos que pensar en que é o que nos fai cambiar a nós mesmas”, afirma.

Manexan con mestría mans e intelixencia para deseñar e entretecer a roupa dunha onda que atrae públicos con novos intereses. Son o presente e o futuro da moda galega, sen grandes marcas detrás. Autoras mozas con talento, algunhas xa graduadas, outras estabelecidas con obradoiro propio ou cun pé fóra na procura do que non atopan aquí. Sermos Galiza conversa con algunhas delas sobre o presente do seu oficio e o que agardan conseguir no seu futuro. 'Tirar do Fío. As novas mans da moda galega'.

Xove a pé

O Colectivo Xea lévanos pola costa da Mariña, concretamente entre Punta Corveiro e Portocelo. O litoral de Xove abrangue un amplo tramo, uns 25 quilómetros, de cantís expostos e pequenos seos á beira do Cantábrico e, agás o tramo entre a punta de Morás e o linde co concello de Cervo, e a enseada do Regodola, está protexido no LIC e ZEPA Costa da Mariña Occidental. É un espazo dun grande interese xeolóxico, paisaxístico e ecolóxico, onde podemos atopar ecosistemas mariños areosos e rochosos, cantís, dunas e esteiros cunha gran diversidade de flora e fauna. Os illotes acollen importantes colonias de aves nidificantes, ás que hai que engadir un gran número de aves mariñas nas épocas de paso (carráns, mascatos, corvos mariños...).

E non remata aquí este número do semanario. Oito páxinas centradas na literatura, música, cinema, e escena achégannos novidades, debullan propostas, informan, propoñen e convidan da man de Mario Regueira, Susana Sánches Aríns, Belem Tajes, César Morán, Andrés Castro, Manuel Xestoso.