Sermos Galiza: Moncho Reboiras, a historia en gran pantalla

O actor Daniel Celester, que interpreta Moncho Reboiras

As 32 páxinas do semanario traen este sábado ás lectoras e lectores de Nós Diario unha conversa a fondo con Paula Cons, directora de ‘A illa das mentiras’, un percorrido por edificios que son paisaxe e debullamos ‘Reboiras. Acción e corazón’, o filme documental que se estrea este sábado.

Na madrugada do 12 de agosto de 1975, 300 axentes, din as testemuñas, cercaron o barrio ferrolán onde Xosé Ramón Reboiras Noia se atopaba xunto a Elvira Souto e Lois Ríos preparando publicacións sindicais para as e os traballadores das Pontes. Souto e Ríos lograron salvarse aquela noite, mais Reboiras non. Recibiu tres disparos á altura de onde agora se atopa o portal do número 27 da rúa da Terra, daquela un edificio que hoxe xa non existe.

Após 45 anos, a longametraxe documental Reboiras. Acción e corazón recupera a memoria de Moncho Reboiras por medio dos testemuños de 29 persoas que o coñeceron de primeira man e compartiron con el inquedanzas e activismo político. A obra achega un retrato de Reboiras desde moitos ángulos e mostra unha persoa comprometida e alicerce fundamental do impulso e dinamización das frontes de actuación do nacionalismo na clandestinidade, desde o sindical e o cultural até o estudantil ou o labrego.

O filme documental dirixido por Alberte Mera (Vigo, 1987) chega ás salas de cinema ao tempo que se fan 45 anos do asasinato en Ferrol de Moncho Reboiras.

Santa Isabel

Na noite do 1 de xaneiro de 1921, o vapor El Santa Isabel naufragaba fronte ás costas de Sálvora (Ribeira). A única esperanza dos 260 emigrantes embarcados para Bos Aires serían tres mulleres da illa que decidiron botarse ao mar porque, como sentencia María, a personaxe de Nerea Barros no filme, "era o que había que facer". Remando de ouvido entre a densa néboa, conseguiron salvar 50 persoas. As chamadas "heroínas de Sálvora" son as protagonistas d'A illa das mentiras, a primeira longametraxe de ficción de Paula Cons, con quen falamos neste número.

"Eu dediqueime a encher os ocos, a pensar nos sentimentos. A raíz diso, comecei a quedar moi colgada co tema do estrés postraumático que elas sufriran", confésanos.

‘Abalo Alonso, facendo paisaxe’. Era habitual hai 10 anos que todos os alcaldes quixesen ter un Guggenheim no seu concello. Agora, a vella crise económica obriga a traballar con orzamentos moi axustados, e algúns simplemente seguiron facendo o que xa facían. Quen estivo sempre propondo arquitecturas sensatas, modestas e adaptadas ao lugar, non tivo, nin terá, problemas para afacerse ás restricións actuais e as que virán.

Camiñando polo litoral de Baiona

O Colectivo Xea lévanos polo litoral de Baiona, no que podemos distinguir tres partes: “o interior do esteiro, unha zona de area e lama que queda en seco cando baixa a marea; o seo de Baiona, un tramo de litoral areoso protexido; e a costa do mar aberto, rochosa e batida, desde a punta de Monterreal até cabo Silleiro. Percorrelo é doado porque case ao longo de todo el atopamos espazos acondicionados para camiñar, de piso regular e sen grandes desniveis”.

E non remata aquí este número do semanario. Oito páxinas centradas na literatura, música, cinema artes e mapas achégannos novidades, debullan propostas, informan, propoñen e convidan da man de Mario Regueira, López Foxo, Irene Pin, Xavier Groba, Andrés Castro, Carlos L. Bernárdez e Cilia Torna.