Sermos Galiza: a mirada das fotógrafas galegas

O suplemento de 32 páxinas que se publica os sábados acompañando Nós Diario mantén a súa cita cos lectores e lectoras. Un número no que falamos de fotografía, de poesía, de fúbol e de moito máis.

As 32 páxinas do semanario Sermos Galiza chega aos quiosques este sábado co Nós Diario, cumprindo coa súa cita semanal cos lectores e lectoras malia a pandemia do coronavirus.

'O efecto Matilda na fotografía galega'. A invisibilidade que o labor científico da muller ten sufrido ao longo da historia ten un nome: o efecto Matilda. Porén, os homes nesgan e atribúense os éxitos e os descubrimentos das mulleres non só no eido científico. Toda actividade humana na que ela ten participado sufriu ao longo dos séculos idéntico resultado. Mesmo na fotografía. O desleixo pola obra das nosas primeiras fotógrafas comeza agora a ser reparado e os seus nomes a ser relembrados. As súas fascinantes historias espertan por fin para servirnos de exemplo. Unha reportaxe de Carlos Castelao.

'Tamara Andrés e Marcos Viso, aprendermos da imaxe'. Lois Alcayde Dans fala con Tamara Andrés e Marcos Viso, que comparten a autoría de 'Distancias', un conxunto poético editado por Galaxia no que, a través dos versos da poeta e as ilustracións do artista, descubrimos unha historia íntima que apela a unha memoria sen melancolía, ás imaxes remarcadas do máis próximo nunha narración en verso no que importan desde a métrica até a colocación das palabras, o golpe da imaxe e o paso das páxinas. “Falamos con eles arredor do seu proceso creativo, do seu traballo conxunto e de como concibe cadaquén a escrita e a ilustración, onde, sosteñen, cómpre repensar o papel actual da imaxe na literatura”.

O mundo do fútbol profesional e os cartos que se moven ao seu arredor converteron este deporte nun sector económico que achega riqueza e beneficios ao PIB galego. Máis de 200 euros por persoa é o que supón para a economía das cidades de Vigo, A Coruña e Lugo —as tres que contan con equipos nas dúas máximas categorías da Liga— a celebración de partidos durante as campañas ligueiras. Un tema do que nos fala Héctor Pena en 'Goles económicos'.

O Colectivo Xea proponnos neste número un paseo polo litoral de Sanxenxo. O concello de Sanxenxo conta con 36 quilómetros de costa, nas rías de Pontevedra e Arousa, así como no mar aberto, con importantes valores naturais, especialmente na enseada do Umia e nos cantís e praias entre A Lanzada e Portonovo. Propoñemos un achegamento en coche aos puntos máis sinalados e de doado acceso, pois para coñecer a costa devagar son precisas varias xornadas facendo camiñadas .

As propostas, suxestións e descubertas en literatura, cinema e música expándese a través de seis páxinas e o ramo póñeno as dúas páxinas da sección de cociña-.