Sermos Galiza: Luz Fandiño, unha vida de loitas

As 32 páxinas do semanario traen este sábado ás lectoras e lectores de Nós Diario una reportaxe sobre o impacto da pandemia nas salas de cinema, una demorada entrevista con Luz Fandiño e un paseo polo rural no Nadal.

 

Como impactou e impacta a pandemia nos cinemas? Esta é a pregunta á que quere dar resposta a reportaxe de apertura do Sermos Galiza que se publica este sábado. O 6 de xuño comezaban a abrir timidamente os cinemas na Galiza, após tres meses fechados. Logo, setembro aterraba como un dos meses con maior concentración de festivais de audiovisual no país, entre as citas habituais e aquelas que buscaban acubillo en novas datas despois de seren adiadas, renegociando distintos formatos que conxugaban presencialidade e virtualidade. Con limitacións á capacidade que foron variando, a segunda vaga do coronavirus trouxo tamén unha polémica e moi criticada redución a 30 prazas como máximo nos espazos culturais, independentemente do seu tamaño, modificada a semana pasada. Neste contexto, moitas salas de cinema botaban o feche. Curiosamente, as pequenas, lonxe de tirar proveito da situación, parecían capear mellor a treboada. Polo menos até agora. Por que?

Desde a súa progresiva reapertura en xuño tras o confinamento, as salas de cinema pasaron por distintos niveis de restricións, sobre todo no que atinxe á capacidade. As pequenas parecen ser as que están a resistir "mellor", mais non sen trabas. A chave: modelos de proximidade e programación menos dependentes das grandes estreas. Varias persoas responsábeis dalgúns destes proxectos explican a Sermos Galiza as dificultades que están a atopar e as perspectivas de cara a 2021.

Luz

Defínese a si mesma como poeta analfabeta, mais poucas persoas coma ela, nas súas mesmas circunstancias, tiveron tanta fame de saber e tanto orgullo pola nosa cultura. Como non tantas, estando do lado das subalternas, reivindicaron sempre como ela os seus dereitos sen ollar para as consecuencias. Luz Fandiño é unha poeta insubmisa. Unha muller, como di ela, demasiado rebelde como para, por exemplo, estar nun partido político. Falamos con ela co gallo da estrea do documental de Sonia Méndez e Nati Juncal A poeta analfabeta.

"Eu vou co pobo porque son pobo. Nin a bandeira nin o himno nin a loita polo país son de ningún partido", subliña. “A poesía que me gusta -non digo que a outra sexa mala- é a que leva unha mensaxe que todo o mundo entende. Agora faise moita poesía que fala moi pouco do pobo, das nosas raíces”.

Nadal

A pandemia provocou unha diminución considerábel nas viaxes de lecer. Quer por medo quer por precaución, agora máis que nunca estase a procurar a seguridade e a tranquilidade que as grandes cidades e os destinos turísticos convencionais non ofrecen. As casas rurais semellan a mellor opción á hora de elixir o lugar onde pasar as vacacións. O rural simboliza illamento, natureza, espazo aberto, aire limpo e pouca xente. É o sitio perfecto onde pasar tempo en familia ou con amizades evitando as aglomeracións. Falamos disto en ‘Un nadal no rural’.

O Colectivo Xea proponnos neste número unha camiñada pola ribeira de Arcade. “No fondo da ría de Vigo atópase a enseada de San Simón, e ao fondo desta sitúase Arcade, xusto na desembocadura do río Verdugo, pouco despois de este confluír co Oitavén. Esta localización tan especial entre as augas doces do río e as salgadas da ría fan deste punto un lugar curioso, pois malia estar moi lonxe de mar aberto, moi metido terra a dentro, non deixa de ter un contacto marítimo, cun porto e unha vida económica moi vencellada aos recursos deste ecosistema, como son os marisqueiros. Un paseo acondicionado hai pouco por toda a ribeira desde o porto até Ponte Sampaio vainos permitir realizar un percurso cómodo e breve, lonxe dos vehículos, que podemos complementar coa posterior visita a outros puntos que iremos observando de camiño”.

E non remata aquí este número do semanario. Oito páxinas centradas na literatura, música, cinema, deseño e arquitectura achégannos novidades, debullan propostas, informan, propoñen e convidan da man de Mario Regueira, Xulio Carballo, Olga Brañas, Mario Vilariño, Andrés Castro, Pepe Barro e Lázaro Armental.