Sermos Galiza: Historias de Ons

O suplemento de 32 páxinas que se publica os sábados con Nós Diario mantén nestes tempos de confinamento e pandemia a súa cita coas lectoras e lectores. Neste número percorremos as Ons máis literarias, falamos con Andrea Vázquez, produtora de 'O que arde'; e gozamos cos cartaces de galegos e galegas que deseñan a súa pegada no mundo.

A illa de Ons conquista autoras e autores que crean historias nas que esta terra é protagonista. Coincidindo co confinamento domiciliario por mor da COVID-19, destacamos títulos como A bordo das Ons, de Marta Lemos, Ons no meu corazón, de Julio Santos, Ons, ondas do mar riso, de Emilio Araúxo, Ons, de Carlos Meixide, e Namoreime en Ons, de Staffan Mörling. Todos eles propoñen olladas sobre a fermosura deste lugar e o seu acubillo, mais tamén da complexidade de habitalo. Pois como recoñece a veciñanza, vivir en Ons supón estar illadas todo o ano.

Tensi Xesteira fálanos nesta reportaxe de como nos últimos anos, a literatura deu bos títulos que nacen desta illa, tanto desde a ficción como desde as lembranzas das autoras e autores.

Cinema

A produción cinematográfica é unha desas profesións que adoitan permanecer ocultas de cara ao gran público, ou asociadas a cuestións meramente económicas. Porén, Andrea Vázquez descóbrenos a súa face máis creativa, así como a importancia das decisións que dependen deste eido e, no seu caso, falan doutras formas de facer filmes fóra da industria. Só grazas á súa capacidade para "facer medrar a película" foi posíbel 'O que arde' tal como é, co engaiolante poder do seu elenco ou a natureza como unha personaxe máis. Con ela conversa Irene Pin neste número de Sermos Galiza.

"Amador e benedicta son un dos logros do filme. A mestura das personaxes que tiña na cabeza Oliver co encontro real das persoas que as interpretaron é unha bomba", confesa.

Desde o inicio do cartel como disciplina estivo en discusión unha tensión entre a estética e a transmisión da mensaxe. Algunhas das creadoras consideradas como grandes talentos actuais galegos teñen moito que dicir ao respecto, cada unha coa súa voz, sobre a reivindicación dun deseño gráfico moitas veces esquecido. Cómpre igualmente facer un percorrido polo pasado e botar unha ollada ao presente para poder tentar construír o futuro. De todo isto fálanos Brais Nogueira, de Balea Cultural, en 'Espellos gráficos, as galegas e galegos deseñan a súa pegada no mundo”.

O foxo de Entrecabezas

As terras de Viana posúen mil marabillas para coñecer. Entre elas, esta que nos descubre o Colectivo Xea, ,s foxos de lobos. Construcións para atrapar e matar estes animais, que son relativamente comúns nas montañas galegas, norte de Portugal e zonas limítrofes. A súa construción adoita remontarse centos de anos, pois xa desde o medievo está documentado o seu uso. Porén, son un dos elementos da nosa etnografía menos coñecidos, debido ao moito tempo pasado desde que deixaron de empregarse. O seu estado de conservación, en xeral, é de total ruína e abandono, e os seus restos fican invisíbeis na paisaxe dos nosos montes. Porén, nos últimos anos algúns volveron aparecer entre a vexetación, mesmo se reconstruíron parcialmente e sinalizaron. É o caso do foxo de Entrecabezas, en Viana do Bolo.

Mais Sermos Galiza non remata aquí. Oito paxinas para coñecer, debulla, gozar e sorprendernos con propostas e proxectos literarios,musicais, auidiovisuais e de escena da man de Mario Regueira, Susana Sánchez Aríns, Andrés Castro, Belem Tajes, César Morán e Manuel Xestoso.