Sermos Galiza: Dans e o teatro, Colombia e o M19

As 32 páxinas do semanario traen este sábado ás lectoras e lectores de Nós Diario unha conversa a fondo con Raúl Dans, actor de dobraxe, guionista e dramaturgo; un percorrido pola ,loita político-militar do M-19 en Colombia da man dos seus protagonistas; ou unha debruzada sobre a madeira na arquitectura.

Volve Sermos Galiza este sábado á súa cita cos lectores e lectoras de Nós Diario. O semanario de 32 páxinas volve convidar á lectura pausada e a adentrármonos en temas que non se atopan na prensa convencional.

O acordo entre o Goberno e a guerrilla do M19 na primavera de 1990 supuxo o primeiro proceso de paz na historia de Colombia e América Latina. Un feito sen precedentes que traería un proceso constituínte ademais de intentar abrir a porta á resolución dun conflito político e armado aínda latente. 30 anos despois. Nós Diario recolle a historia daquela loita político-militar a prol da democracia de man de quen a viviu en primeira persoa na reportaxe de apertura deste número, 'M19: Historia dunha loita político-militar en Colombia'.

"O M19 tiña un alto nivel de arraigo urbano en comparación con outras insurxencias e iso deulle unha capacidade extraordinaria para entender a política colombiana", valora o sociólogo e profesor colombiano Franco Muñoz.

'Raúl Dans, o lado escuro do teatro' é o título para a longa conversa que manteñen Manuel Xestoso e Raúl Dans. Dans (A Coruña, 1964) vén de gañar a segunda edición do Premio Laudamuco para textos teatrais, convocado polo Concello de Brión, a Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas. É un premio máis nun longo ronsel que inclúe o Rafael Dieste, o Alvaro Cunqueiro e o Premi Born –ambos gañados en dúas ocasións–, o Premio de Teatro da AELG, o da SGAE… Falamos con el por teléfono sobre unha xa moi sólida obra que indaga nos aspectos máis escuros da natureza humana, e das dificultades que atopa un dramaturgo galego para que a súa obra chegue aos escenarios.

"Como convences a alguén de que constrúa unha obra se nin se publica nin se representa? Eu mesmo, creo que se non gañase os premios que gañei, tería desistido hai tempo", confesa nesta entrevista.

Tocar madeira

Resulta paradoxal que moitas arquitectas vexan a madeira como un dos materiais do futuro, cando se leva usando desde sempre. Na construción tradicional era moi empregada, presente en tellados, vigas, portas, fiestras ou pisos. A industrialización fixo que se fose substituíndo por aluminio, aceiro, formigón ou plástico. Na actualidade, coas novas tecnoloxías aplicadas ao material e aos derivados, está a recuperar o protagonismo perdido.

En 'Arrokabe, tocar madeira', Iago Valverde achéganos a este estudio que ten a madeira como material fetiche. Formado por dous irmáns retornados de Euskadi, está apostando moi forte polos seus múltiples usos, que xa se poden ver en proxectos realizados ao longo e ancho da xeografía galega.

Mirar desde Penide

O desconfinamento achéganos cada vez máis á oportunidade de poder retomar sobre a terra os pasos e camiños que o Colectivo Xea nos amosa sobre o papel.

Desta volta, convídanos a achegarnos ao monte Penide unha penechaira de certa extensión, situada no alto das parroquias de Candeán, Chapela, Trasmañó, Cedeira, Negros, Cabeiro e Vila. Entre Vigo e Redondela, unha paraxe de arqueoloxía e miradoiros para gozar con tranquilidade.

Non remata aquí este número do semanario. Oito páxinas centradas na literatura, música, cinema e arte achégannos novidades, debullan propostas, informan, propoñen e convidan da man de Mario Regueira, López Foxo, Ugia Pedreira, Irene Pin, Andrés Castro, Carlos L, Bermúdez e Cilia Torna