Sermos Galiza: Cazaestrelas, Antón Reixa e percorrido polas casas-museo da Galiza

As 32 páxinas do semanario traen este sábado ás lectoras e lectores de Nós Diario unha conversa a fondo con Antón Reixa, unha reportaxe sobre ese patrimonio descoñecido que é o ceo galego e dámos unha ollada panorámica polas casas-museo da Galiza.

O turismo astronómico forma parte da oferta cultural da Galiza. A pesar da súa baixa explotación en contraste co resto do Estado, a curiosidade na ollada ao firmamento provoca o interese de asociacións e particulares, amantes da observación dos ceos, que procuran destinos específicos no campo e no interior para contemplar estrelas, galaxias e nebulosas na noite máis fechada. Os seus principais freos, o descoñecemento e a contaminación luminosa, elementos que poden botar a perder un potencial motor de lecer sustentábel e respectuoso co medio ambiente. Cuestións que abordamos en 'Atopar estrelas. O patrimonio a defender do ceo galego'.

Antón Reixa (Vigo, 1957) rexeitaría con firmeza o adxectivo "polifacético", mais é a primeira palabra que vén á mente cando tratamos de resumir unha carreira que inclúe poesía, cine, televisión, radio, música, videoarte, performance e tantas outras cousas. O teatro non é a rama creativa pola que máis se lle recoñece, mais tamén na escena deixou a súa pegada –desde os recitais performativos de Rompente até o musical 'Galicia Caníbal', pasando polas colaboracións con Artello, Teatro do Morcego ou Lino Braxe. Agora, presenta 'Melancoholemia', unha obra que estreará o 25 de xullo na Mostra de Ribadavia e que vén de ser editada por Kalandraka.

“Nunca houbo tanta distancia entre a gran floración de talento na Galiza e a mediocridade da recepción, tanto das institucións como do mercado cultural”, confesa Reixa nesta entrevista con Manuel Xestoso.

'As habitacións propias da historia. Unha ollada panorámica ás casas-museo galegas'. Son lugares onde protagonistas das artes, da política e das letras habitaron, escribiron e contribuíron co fío dos acontecementos. Cuartos propios transformados en novos espazos para visitantes e turistas na procura dun achegamento ás semblanzas de épocas senlleiras da historia da Galiza. Realizamos un percorrido por unha selección das casas-museo galegas, as que están e as que están por vir, para non deixar de visitar ningunha este verán.

Costa de Galiza, concello a concello

Coincidindo co solsticio de verán rematamos en Fisterra da man do Colectivo Xea o noso percorrido polo litoral dos 75 concellos galegos que teñen fronte ao mar. Máis de 2.000 km entre percorridos lineais, desvíos e idas e voltas, do Eo a Fisterra e do Miño a Fisterra. “Aínda que xa coñeciamos moitos puntos e tiñamos camiñado por varios tramos, hai un tempo formulámonos o reto de facer este percorrido de forma sistemática, concello a concello, estando en cada praia, cantil, punta, marisma ou enseada, para coñecer e gozar, para ter información de primeira man e, como non, tamén para facer exercicio físico”.

E non remata aquí este número do semanario. Oito páxinas centradas na literatura, música, cinema e cociña achégannos novidades, debullan propostas, informan, propoñen e convidan da man de Mario Regueira, Inma Otero Varela, Mauro Borrazás, Andrés Díaz, Andrés Castro, Mercedes Espiño e Vide Vide.