Sermos Galiza: Boyanka Kostova, a COVID-19 desde as marxes de Europa e a arquitectura para construír o cotiá

SGcapa cortada
As 32 páxinas do semanario traen este sábado ás lectoras e lectores de Nós Diario unha conversa a fondo cos Boyanka Kostova, unha mirada á realidade das persoas refuxiadas e debruzámonos sobre a obra do arquitecto Carlos Pita.

Volve Sermos Galiza este sábado á súa cita cos lectores e lectoras de Nós Diario. O semanario de 32 páxinas volve convidar á lectura pausada e a adentrármonos en temas que precisan ser tratados de vagar. 

Ao risco sanitario da pandemia súmase outro máis antigo: esquecer o invisíbel. Por iso Sermos Galiza pon o foco nas persoas que habitan nas marxes da promesa. O campo de Moria, na illa grega de Lesbos, o maior de Europa, é unha auténtica bomba de reloxaría para un contaxio que, polo momento, lograron evitar. En 'As máis fráxiles' botamos unha ollada ás principais problemáticas que atravesan e ás solucións que xorden da autoxestión das propias migrantes.

Era cuestión de tempo que, nas lóxicas de reinterpretación da tradición, os acordes da muiñeira chegasen sampleados e as coplas soasen tamén con autotune. Trap enxebre ou como for a etiqueta, Boyanka Kostova sorprendía, máis se cabe, coa orixinal achega de "Muiñeira de Interior", que tivo repercusión mesmo en medios internacionais. O tema anunciaba a saída, após outros dous sinxelos, do novo disco deste revolucionario dúo formado por Cibrán García (voz), quen responde as preguntas de Sermos Galiza, e o Chicho do Funk (produtor), que se ben foi inaugural dun estilo, ten vontade de transcender este mérito para deixar pegada na memoria. De momento, Os dous de sempre, o álbum que vén de saír á luz, marca outro paso na consolidación dos composteláns. 

"Levabamos xa bastante tempo considerando a posibilidade de facer unha muiñeira cun 'rollo' máis actual, porque nos cadraba perfectamente o seu ritmo co do trap”, afirman.

'Carlos Pita, monumentalidade cotiá'. No día a día atopamos espazos magníficos sen decatarnos. Quen deseña unha praza tranquila ou sitúa un banco estratexicamente á sombra dunha boa árbore toma decisións que melloran a vida da cidadanía. Detrás da construción de lugares ordinarios atópase o traballo e entusiasmo de moitas e moitos profesionais.

O Colectivo Xea convídanos a coñecer e percorrer Barciademera e o río Alén, no concello de Covelo. “Alí onde o río Alén sae da súa fenda fragosa e se espalla nunha larga chaira, asentan as aldeas de Barciademera, parroquia do Covelo que ben merece unha visita, polos varios elementos que reúne a nivel natural, artístico e histórico”.

Non remata aquí este número do semanario. Oito páxinas centradas na literatura, música, cinema, arte e mapas achégannos novidades, debullan propostas, informan, propoñen e convidan da man de Mario Regueira, López Foxo, Irene Pin, Napoleao Ribeiro, Andrés Castro, Carlos L. Bernárdez e Cilia Torna.