Sermos Galiza: As atlántidas galegas, Quico Cadaval e o primeiro naturismo da Galiza

capacortadasg

As 32 páxinas do semanario traen este sábado ás lectoras e lectores de Nós Diario unha conversa a fondo co actor, narrado e director de escena Quico Cadaval, unha reportaxe sobre as lendas en torno a ciudades asulagadas na Galiza; e un percorrido pola vida de José Castro Branco, ‘Apóstol do Naturismo’.

As cidades asolagadas son unha das lendas que máis se repiten ao longo de toda a xeografía galega. O mito maioritario componse, con variantes, sobre o esquema do castigo divino a vilas que lle viran as costas ao cristianismo, mais tamén liga a Galiza coa mitoloxía celta e as augas como porta ao Alén. ‘Asolagadas na lenda, as atlántidas galegas’ é o título da reportaxe na que nos debruzamos sobre estas lendas e mitoloxía.

Malia que leva moi mal a solemnidade, xa se pode dicir que Quico Cadaval é un dos piares do teatro galego. Director de escena, actor, impulsor do movemento de narradores orais que agromou a finais do século pasado… Cadaval xa estaba nas históricas mostras de Abrente en Ribadavia, sorprendeu coa frescura da compañía O moucho Clerc, renovou o Centro Dramático Galego con obras como O ano do cometa, Noite de reis ou A ópera dos tres reás, acompañou Mofa e Befa e integrou Shakespeare ou Martin McDonagh á cultura galega, entre outras moitas cousas. A Mostra de Teatro de Cangas vén de outorgarlle o Premio Xiria ao labor teatral, que recollerá en xullo. Conversamos con el neste número do semanario.

“Necesitamos o vizoso do tecido cultural pero tamén unha forte determinación política, e houbo un momento no que se retrocedeu moito neste último aspecto”, afirma.

‘Un apóstolo do naturismo’. A finais do século XIX, como reacción ás consecuencias negativas para a saúde da sociedade industrial, comezaron a difundirse as teorías naturistas, que propuñan novos hábitos e medidas de hixiene e alimentación como medio para evitar enfermidades. José Castro Branco, natural de Pontecesures, foi toda a súa vida un divulgador do naturismo en Montevideo, Barcelona e Torrent, e influíu en naturistas de toda a Península Ibérica e América Latina.

Fervenzas de Parafita

O Colectivo Xea lévanos polas Fervenzas de Parafita ou fervenzas de Raxoi, en Valga, na comarca de Caldas de Reis  . “Desde o cume do monte Xesteiras a Valga hai pouco máis de 5 quilómetros en liña recta, pero nesta distancia o relevo cae uns 600 metros e os regos que escoan das súas abas cavan fondos vales que nas zonas rochosas ven interrompido o seu traballo e son obrigados a saltar creando numerosos rápidos e fervenzas, nas que nestas datas aínda traen auga abundante. Suavizada a temperatura comezan a florecer as plantas máis madrugadoras e a paisaxe presenta un fermoso aspecto, un bo motivo para facerlle unha visita”.

Non remata aquí este número do semanario. Oito páxinas centradas na literatura, música, cinema, deseñoe arquitectura achégannos novidades, debullan propostas, informan, propoñen e convidan da man de Mario Regueira, Xulio Carballo, Olga Brañas, Mauro Borrazás, Andrés Castro, Pepe Barro e Lázaro Armental.