26A, aniversario do diario dixital

Sermos Galiza: seis anos de vida e un diario en papel por diante

Un aspecto da redacción

Sermos Galiza fai seis anos neste vinte e seis de abril. Seis anos na súa versión dixital porque a outra, o semanario en papel, fai anos, tamén seis, o 8 de xuño.

Atreveríame a dicer que a evolución de Sermos Galiza nestes seis anos anos tivo como norte aproximarse o máximo posíbel ao que queremos indicar co noso lema, isto é, sermos un medio de intereses galegos que quere dar resposta a todo ese grande colectivo que ten como horizonte dotármonos dun medio de comunicación capaz de conciliar o rigor, a veracidade e a pluralidade, refugando falsas neutralidades e sen permanecermos alleos á realidade social.

 

Por outra parte, non podemos esquecer que, infelizmente, o semanario segue a ser a única posibilidade que un lector de prensa galega pode atopar nos quiosques. Eis a importancia de ampliarmos a base lectora do semanario. Neste sentido, a posibilidade de contarmos cun diario en papel procura esa ampliación necesaria para nos dotar dun espazo de comunicación galego, entendendo por tal aquel que coloca o galego como única lingua de comunicación e Galiza como espello en que se ollar.

 

Infelizmente, o semanario segue a ser a única posibilidade que un lector de prensa galega pode atopar nos quiosques

 

A día de hoxe hai publicacións realizadas na Galiza, empresas con sede social na Galiza, con capital orixinariamente galego mais que non teñen nas súas páxinas nada de galego, refírome á lingua, ou en todo caso o mínimo para poder acollerse ás subvencións. Romper esa dinámica, saír desta anomalía e achegármonos un pouco máis á normalidade que como País precisamos ten que ser un dos obxectivos de Sermos Galiza S.A. porque o máis normal é ter medios de comunicación no idioma que nós criamos.

 

 

Esta é a aposta de Sermos Galiza S.A. ao impulsar un diario en papel para 2019. Ora, esta aposta non pode ser apenas un medio en galego. Ten que ser un medio aberto, alternativo, de intereses galegos e con estratexias de actuación específica cos territorios lusófonos. Isto significa apostar en que lingua e cultura se han desenvolver sen dependencias nin interferencias, ollando para a Galiza e para o mundo desde nós, cunha praxe xornalística que faga análise contrastada e información rigorosa e plural, que dea voz a quen agora non a ten e visibilice quen permanece na sombra.

 

A aposta de Sermos Galiza S.A. ao impulsar un diario en papel para 2019 non pode ser apenas un medio en galego: ten que ser un medio aberto, alternativo, de intereses galegos e con estratexias de actuación específica cos territorios lusófonos

 

Un xornalismo que ofreza espazos para a reflexión acompañados de informes serios e veraces. E que nunca esqueza de onde nace, que atenda a propia composición da empresa editora, con máis de 900 accionistas e o propio proxecto, que aspira a ser viábel economicamente sobre unha base mínima de 3.000 asinantes.

 

Son estas garantías de viabilidade e de pluralidade. Mais pluralidade non significa abrazar falsas neutralidades. O Diario Galego será plural porque será capaz de conciliar rigor e veracidade sen permanecer nunca alleo á nosa realidade social. Só así as persoas asinantes se manterán fieis ao proxecto; só así a iniciativa será capaz de seguir sumando persoas que a apoien e só así nos poderemos dotar dun diario que ofreza información e análise, con rigor e perspectiva propia ao servizo, sempre, do pobo galego.

 

O proxecto só será posíbel se o erguemos sobre o marco da pluralidade e o diálogo entre Sermos Galiza S.A e todas as asociacións e organizacións colectivas que confían nas capacidades dunha Galiza real

 

Coa mesma certeza que hai seis anos, sabemos que podemos levar adiante este proxecto. E tamén sabemos que iso só será posíbel se o erguemos sobre o marco da pluralidade e o diálogo entre Sermos Galiza S.A e todas as asociacións e organizacións colectivas que confían nas capacidades dunha Galiza real, na certeza – insisto – de que esta iniciativa ten que abranxer e ser participada por todas as persoas que conforman a nosa base lectora, a presente e a futura.

 

É así como queremos construír esta iniciativa e así é, colectivamente, como superaremos as dificultades, entre todas, entre todos, porque, como dixo Curros “na unión dos bos galegos está da Patria o porvir”. De ti, de min, de nós depende.

 

Texto escrito polo presidente do Consello de Administración de Sermos

 

[Para facer de O Diario Galego unha realidade, necesitamos sumar 3 mil subscricións. Podes sumarte nesta ligazón]