Especial Día da Patria Galega

Sermos Galiza adianta a saída do semanario en papel con motivo do 25 de Xullo

Imaxe de arquivo da redacción de Sermos Galiza.

O semanario Sermos Galiza sairá ás rúas esta cuarta feira, día 24 de xullo, en lugar da quinta, e farao con páxinas especiais sobre O Día da Patria Galega.

O semanario en papel Sermos Galiza adianta a súa edición esta semana e sairá á rúa esta cuarta feira, día 24 de xullo, en lugar de na quinta para evitar atrasos na súa distribución debido ao festivo. Precisamente, este número 356, cun total de 40 páxinas, dedica 14 ao Día da Patria Galega.

Así, o semanario abre cunha información que recolle todas as mobilizacións e actos previstos polos partidos políticos con motivo do 25 de Xullo e continúa con artigos de opinión de David Otero e Marga do Val, así como co cadriño de Tokio e o “A ollo nu”, que asina cada semana Xoán Costa.

Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro; Montse Fajardo, da Iniciativa Galega pola Memoria; Paulo Carril, da CIG; Mercedes Queixas, da AELG, Ximena González, da Marcha Mundial das Mulleres; Olaia Ledo, da Semente Trasancos; María Pilar García Negro, da Federación Galiza Cultura; Víctor Freixanes, da Real Academia Galega, e Manuel Vilar, do Museo do Pobo Galego, completan un painel coral que explica o significado que debe ter o Día da Patria Galega a nivel social.

Ademais, viaxamos cincuenta anos atrás no tempo para recuperar a carga policial que tivo lugar á saída da coñecida como misa de Rosalía, en San Domingos de Bonaval, o 25 de xullo de 1969 e contamos con artigos de opinión sobre o Día da Patria Galega de Miguel Tellado, secretario xeral do PP; Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG; Antón Sánchez, viceportavoz de En Marea; Ana Pontón, portavoz nacional do BNG; Luís Villares, do grupo mixto, e Joám Peres, de Causa Galiza.

O semanario complétase cunha reportaxe sobre o audiovisual dedicado a Moncho Reboiras que prepara a Fundación Terra e Tempo e con outra sobre as feiras medievais que teñen lugar en distintos puntos da xeografía galega.

En Economía debullamos as cifras do cadro de persoal de Inditex e explicamos por que a Galiza entra en desaceleración.

En Política publicamos unha ampla entrevista co presidente do Parlamento, Miguel Santalices, e en Internacional analizamos o debate de investidura no Congreso español.

Ademais, coñecemos os gravados de Yolanda Carvajales da man de Héctor Picallo e conversamos con Baiuca.

No Caderno de Verán, entre moitos outros contidos, publicamos unha reportaxe sobre as illas máis descoñecidas da Galiza e cun relato inédito de Eli Ríos e Elías Portela.

O semanario en papel estará á venda na loxa na tardiña desta terza feira, día 23, e nos quiosques e puntos de venda habituais o día 24.