SOCIAL

Sermos Galiza: 400 pasos

Facemos 400 números. Unha cifra que nos permite mirar o feito, marcar novas metas e buscar a mirada dos nosos parceiros en Catalunya e Euskal Herria, ou afondar nas chaves do xornalismo canda Xosé López, catedrático de Xornalismo na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, onde foi decano.

O 8 de xuño de 2012 saía do prelo o número un de Sermos Galiza. O primeiro dos 400 que hoxe podemos ler. Retornaba así a quiosques e librarías a prensa en galego e facíao da man dun proxecto xurdido do compromiso e do apoio de centenares de persoas e entidades após unha intensa campaña de promoción. Oito anos e 400 números despois, Sermos Galiza continúa comprometido co xornalismo e convencido de que é posíbel manter unha ollada propia coa que encarar e explicar o mundo.

Moito máis que unha cifra

Foron 400 exemplares nos que falamos desde nós e para todas e todos, do social e do común, de política e de economía, de cultura, de educación, doutros países e doutras realidades, de deporte, lecer, viaxes, arte, deseño, fotografía, tecnoloxía, historia, memoria... 400 exemplares cos que camiñamos sempre na procura de ofrecer un xornal digno, de calidade e que procurou e segue a procurar novos territorios.

Neste número recuperamos algunhas das capas destes oito anos de traballo.

Xornalismo

A directora de Nós Diario, María Obelleiro, entrevista Xosé López García , catedrático de Xornalismo na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, onde foi decano. Doutor en Historia e xornalista en medios en papel, coordina o grupo de investigación Novos Medios, cuxa principal liña de estudo é o impacto e a relación das tecnoloxías cos cambios no ámbito da comunicación e na divulgación do coñecemento. Co motivo do número 400 de Sermos Galiza, conversamos con el sobre o presente e o futuro do xornalismo na Galiza. “En relación ao financiamento dos medios, recorro a un dito: o café sempre o paga alguén. Hai que saber quen o paga”, afirma.

‘Contar o propio’:  Aproveitamos a ocasión de facer 400 números para facer balance da situación das linguas minorizadas dentro do Estado, para o que nos acompañan os testemuños dos nosos parceiros cataláns e euskaldúns, Ara, El Punt Avuí e Berria. “Temos que competir non só cunha lingua moi maioritaria, senón cuns medios que son moi potentes", explica Martxelo Otamendi, director de Berria.

Os paraísos en cadanseu concello

Tamén neste semanario o Colectivo Xea cumpre coa súa cita cos lectores e lectoras. Proponnos, desta volta, percorridos de cada quen polo seu propio concello. “Estes días que, obrigadas polas circunstancias, andamos a camiñar preto da casa, son boas ocasións para ver e recoñecer as cousas coas que compartimos todos os días. Tamén son ocasións nas que se fan máis evidentes as vantaxes que temos os que vivimos nunha contorna entre rural e urbana. Aínda que todos e todas temos, en maior ou menor medida, a posibilidade de aproveitar as saídas, mellor se o facemos cedo e se o tempo é bo, para camiñarmos mergullados nun coro de imaxes e sons, para poder ver como a forza da primavera fixo xurdir vida nos lugares máis insospeitados, para descubrir ou redescubrir os sons esquecidos ou as voces case non recordadas, e para confirmar a cantidade, variedade e diversidade de aves que se fan sentir ás primeiras horas da mañá”.

Non acaba aquí este semanario. Oito páxinas para debruzarnos sobre literatura, música, cinema e escena teatral. Da man de Mario Regueira, Belén Bouzas, Susana Sánches Aríns, Belem Tajes , Irene Pin, Andrés Castro, César Morán, Manuel Xestoso.