Sermos O Diario Galego, no Culturgal

Sermos O Diario Galego ten caseta propia na 11 edición do Culturgal que está a ter lugar nesta primeira fin de semana de decembro. Podes adquirir os libros publicados por Sermos Galiza, S.A. e subscribirte ao proxecto para lanzarmos o diario en papel en 2019.

Máis un ano Sermos Galiza volta a estar presente na maior feira das industrias culturais de Galiza, o Culturgal, que neste 2018 fai 11 anos e que está a desenvolverse nesta primeira fin de semana de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra.

 

Na caseta de Sermos O Diario Galego podes coñecer o proxecto para a saída do xornal en papel e asinar a subscrición para facelo unha realidade en 2019. Tamén podes subscribir a quen desexes como agasallo do apalpador. Seguimos sumando subscritoras e subscritores até o 31 de decembro e necesitamos 3.000!

 

Aliás, no posto de Sermos O Diario Galego podes adquirir as novidades editoriais de Sermos Galiza, como o monográfico enmarcado na colección De Nós sobre o ano 1968. Tamén están á venda o monográfico sobre a loita labrega e sobre María Victoria Moreno, todos eles con fermosas capas ilustradas polo artista Leandro Lamas.

 

O libro-DVD Peregrinaxes. Viaxando con Manuel María; As contas que nos contan; O monte galego. Caos ou aproveitamento multifuncional; Mortos por amor á terra e Os nomes do terror, editados todos eles por Sermos Galiza, S.A., poden mercarse na caseta que temos no Culturgal, á que podes achegarte para nos coñecer e para nos formular dúbidas ou suxestións sobre o proxecto para a saída dun diario galego. Ademais, podes facerte co monográfico sobre Sermos O Diario Galego de balde.