Sergio Vázquez, oncólogo: "Urxe un rexistro galego de tumores para saber máis do impacto real do cancro na Galiza"

Sergio Vázquez, presidente da Sociedade Oncolóxica da Galiza e xefe de Oncoloxía do HULA.
Máis de 400 especialistas en oncoloxía, medicina nuclear e anatomía patolóxica, entre outras disciplinas, debaten en Vigo o presente e futuro das terapias dirixidas contra o cancro. No arranque do IV Simposio de Oncoloxía de Precisión 'Nós Diario' conversa con Sergio Vázquez, xefe de Oncoloxía do HULA e presidente da Sociedade Oncolóxica da Galiza..

—En que consiste a oncoloxía de precisión que centra o congreso?

Consiste en buscar unha serie de biomarcadores que nos permitan facer un tratamento á carta, personalizado para cada paciente. Sabemos que existen unha serie de vías polas que un tumor se desenvolve. Se as detectamos e as bloqueamos con terapias dirixidas podemos conseguir que deixe de crecer. Trátase de identificar esas vías moleculares polas que o cancro avanza para controlar o seu crecemento e incrementar a supervivencia das doentes.

—Ningún tumor é igual a outro. 

Non só non hai tumores iguais, senón que dentro dun mesmo tipo histolóxico de cancro os tumores son completamente diferentes. Compórtanse de forma distinta nun paciente e noutro. Mais tamén existen alteracións moleculares compartidas por diferentes tipos de tumores que se poden bloquear co mesmo tratamento. Isto significa que cada vez sabemos máis dos cancros e cada vez máis sabemos o que facemos en cada momento, tanto na fase de diagnóstico como durante a evolución da enfermidade, con tratamentos de precisión que actúan sobre moléculas concretas.

—Estes tratamentos xa son parte do presente?

Si, cada ano hai máis e chegará un momento en que todos os tumores sexan diagnosticados e estudados de forma molecular para poder aplicar este tipo de fármacos. Na actualidade non todos están ao mesmo nivel. Quizais o máis desenvolvido nesta área é o cancro de pulmón. Hai unha porcentaxe importante de pacientes da que coñecemos as alteracións moleculares que o dirixen, que podemos tratar porque xa hai terapias probadas. Mesmo se están buscando mecanismos de resistencia a estes fármacos dirixidos para volver atacar o cancro con outros tratamentos de precisión. Neste sentido tamén se está a avanzar no cancro de próstata, vexiga, mama, ovario, colon...

—Casa ben oncoloxía de precisión cos tratamentos clásicos contra o cancro?

Se o que buscamos é curar o cancro, convertelo nunha doenza crónica, todas as terapias son necesarias e complementarias. A cirurxía, a radioterapia, a quimioterapia, a inmunoterapia, as terapias dirixidas; todas contribúen contra os distintos tumores e serán obxecto de debate. 

—Coñécese o impacto real do cancro na Galiza?

Non existe un rexistro galego de tumores, polo tanto descoñecemos cal é a incidencia real. Por outros estudos sabemos que os tumores máis frecuentes son os de mama, pulmón, colon, próstata e vexiga. Desde a Sociedade Oncolóxica da Galiza reclamamos un rexistro propio, así como a implantación dunha plataforma estatal de oncoloxía de precisión. É fundamental investir máis e potenciar a investigación, porque é a que nos vai dar información sobre novas dianas terapéuticas e fármacos de precisión para unha maior supervivencia. 

E é fundamental que os biomarcadores tumorais se incorporen á carteira de servizos do Sergas. A súa determinación ten que estar dentro do sistema público de saúde, con centros de referencia para esas probas.

—Un rexistro galego de tumores  sería útil de cara á prevención?

Hai que distinguir a prevención primaria, que fai referencia aos factores de risco relacionados con diferentes cancros, sobre os que se podería actuar con medidas concretas de saber cales son os tumores que prevalecen nunha zona; da prevención secundaria, mediante programas de screening, que funcionan moi ben. No que hai que facer fincapé é nos hábitos relacionados co tabaquismo, o alcol e a dieta. Por aí é por onde se comeza a reducir a incidencia e a mortalidade do cancro.

Equidade terapéutica fronte ao cancro

A equidade no acceso a probas de diagnose, tratamentos, ensaios clínicos e profesionais de referencia é unha das demandas de cabeceira dos doentes de cancro. Censuran que o código postal afecta, moitas veces, máis que o código xenético na loita contra o cancro. Na Galiza, defende Sergio Vázquez, "somos uns privilexiados en materia de equidade terapéutica". Unha vez aprobado un fármaco pola Axencia Europea do Medicamento, "podemos usalos sen ningún tipo de restricións. Hai tratamentos que chegamos a empregar cunha antelación de tres anos con respecto a outros territorios do Estado", onde urxe unha equidade efectiva para todas as persoas enfermas. O acceso a un oncólogo de referencia, depende de cada servizo, concreta. "En Lugo temos esa figura, especializada, que levamos tamén aos hospitais comarcais. É algo básico para os doentes".