Covid: O Sergas xa practica PCR anais a doentes graves desde o inicio da pandemia

Unha profesional analiza unha proba de coronavirus. (Foto: Povisa)
Esta metodoloxía para comprobar a presenza do coronavirus transcendeu polas prácticas en China pero o Servizo Galego de Saúde xa a estaba a realizar hai tempo.

Hai escasos días China comunicaba aos medios que estaba a facer un novo abano de probas para diagnosticar o coronavirus, nun momento no que no país asiático comezan a repuntar os contaxios. A metodoloxía que máis chamou a atención é a dos test por vía anal e a pregunta de si ese tipo de exames chegarían a outros territorios foi moi repetida.

Neste contexto, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) vén de confirmar que xa estaba a facer PCR polo recto antes de que saíra á luz a técnica china. De feito, algúns medios falan da Galiza como pioneira desta práctica no Estado español.

Fontes do Sergas concretaron que fai eses test de forma puntual e non xeral, máis xa se teñen detectado casos da Covid-19 desta forma para personas hospitalizadas en estado grave "con algo compromiso da vía aérea".

As equipas sanitarias tamén as practican en bebés cando nacen e nalgúns pacientes que ofrecen "pouca colaboración" para que sexa sinxelo facer a PCR nasal. Igualmente, utilízase para aquelas persoas que se atopan en "situación de axitación".

Desde a Consellaría de Sanidade explican que  "a técnica de obtención da mostra para determinar a infección realízase de forma habitual con mostras nasofarínxeas maioritariamente".

Porén, en casos "con alto compromiso da vía aérea, ou en ventilación mecánica, pode estar indicada la obtención da mostra por vía rectal". No caso dos recentemente nacidos é precisa esta medida "dada a dificultade de contención da cabeza da crianza e as peculiaridades da anatomía da vía aérea".

"Dáse desde o principio da pandemia, sen que existise ningún cambio de procedemento recente", engaden fontes do Sergas, amosando que o de China non foi un descubrimento.