Pontón a Feixóo: "Non completou a vacinación nas residencias e lanza a pantasmada de vacinar toda Galiza en dous meses"

A portavoz do BNG critica que o presidente galego poña a economía “por riba da saúde.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.
photo_camera A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.

Pontón a Feixóo: "non completou a vacinación nas residencias e lanza a pantasmada de vacinar toda Galiza en dous meses"

A portavoz nacional, Ana Pontón, pediu extremar as precaucións ante unha pandemia que mantén altos niveis de contaxios, falecementos e continúa a rexistrar unha importante presión hospitalaria.

Neste contexto, insistiu en pedir un confinamento de dúas semanas para cortar os contaxios e salvar vidas á espera  de que a "esperanza" da vacina chegue a maior parte da poboación. Por iso, Pontón demanda da Xunta un plan de vacinación detallado, con persoal, medios e estratexia e critica que, en lugar de presentar ese plan no Parlamento, o presidente da Xunta se dedique a facer "autobombo".

"É imperdoábel que Feixóo use a pandemia para facerse autobombo, máxime nun tema tan sensíbel como a vacinación. Estamos vendo como nun mes aínda non foi quen de completar a vacinación nas residencias (40.000 persoas entres usuarias e traballadoras) pero leva días coa ‘pantasmada’ de que pode vacinar 2,7 millóns de galegos e galegas en dous meses", denunciou.

Para a dirixente nacionalista, a vacinación é unha cuestión capital para derrotar á Covid e non pode ser utilizada de maneira oportunista, "para facer anuncios propagandísticos mentres que no Parlamento seguimos sen saber nada do plan de vacinación da Xunta". Pontón tamén convidou a valorar o feito de que o antídoto a unha pandemia estea nas mans dunhas multinacionais farmacéuticas que se rexen polo lucro en detrimento da saúde.

A portavoz do BNG recriminou ao xefe do Executivo que "poña a economía por riba da saúde.

En referencia ao debate da Lei de transferencia da AP9, que esta terza feira se debate no Congreso, a nacionalista espera que sexa o definitivo e que a transferencia pase a ser unha realidade canto antes para ter unha AP9 "galega e libre de peaxes".

Comentarios