O Sergas tardou máis de 20 días en facer un cribado ao persoal de Avigal

Nave de Avigal (Nós Diario)
A empresa tivo máis de 100 casos positivos. A primeira inspección foi no mes de maio. 

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, admitiu esta quinta feira durante unha comparecencia na Comisión de Sanidade do Parlamento galego, que as autoridades sanitarias galegas levaron a cabo o cribado entre as traballadoras e os traballadores da empresa Avícola da Galiza (Avigal), para descubrir o grao de afectación por coronavirus, máis de 20 días despois de ter coñecemento do primeiro caso positivo no seu persoal. 

Respondendo ás preguntas da deputada nacionalista Montse Prado sobre a xestión deste gromo, que chegou a ter máis de 100 casos activos relacionados, Mancha sinalou que Sanidade tivo coñecemento do primeiro positivo nun traballador o día 27 de agosto e, posteriormente, o 4 e 5 de setembro, detectáronse outros tres.

Con todo, non foi até o día 19 de setembro cando se fixo un cribado xeral entre todo o persoal da empresa, que contaba daquela con 182 traballadoras e traballadores.

A realización desas probas permitiron detectar máis de 50 positivos por Covid-19 "asintomáticos" entre o persoal traballador e os seus contactos habituais, un dos focos de contaxio máis importantes na Galiza. 

Inspeccións previas a Avigal en maio e xuño

A primeira inspección a esta empresa para controlar a existencia dun protocolo, segundo Mancha, foi o día 19 de maio. As seguintes visitas foron os días 22 de xuño e 17 de setembro.

Nesta última visita foi cando as inspectoras detectaron que, aínda que se cumpría "maioritariamente" co protocolo, existían algunhas "deficiencias" no ámbito de vestiarios, no comedor e na reincorporación de traballadoras e traballadores.

O 23 de setembro, a empresa achegou á Xunta "protocolos de limpeza" en relación ao gromo e fechou de forma preventiva o día 25 para realizar unha desinfección. O día 28, tras avaliarse que se levou a cabo, levantouse o fechamento preventivo.