O Sergas sanciona o xinecólogo que exemplificou a oposición ao peche do paritorio de Verín

Javier Castrillo comparece ante os medios durante a manifestación de apoio en Verín (Rosa Veiga / Europa Press).

Con dous días de suspensión de emprego e soldo.

A Secretaría Técnica da Consellaría de  Sanidade confirmou ao xefe de Xinecoloxía do Hospital de Verín, Francisco Javier Castrillo, a sanción que a instrutora propuxera: dous días de suspensión de emprego e soldo ao entender que faltou á consideración dunha das súas compañeiras pediatras na discusión polo traslado dun bebé en pleno conflito do  paritorio.

Así informa o Diario do Támega, que tamén recolle as primeiras reaccións a esta decisión do Sergas: a deputada do BNG por Ourense, Noa Ríos fa de “persecución” e anunciou que vai levar esta sanción ao Parlamento.

A proposta de sanción responde á denuncia presentada por unha compañeira pediatra coa que o 1 de decembro de 2019, coincidindo co primeiro día de feche obrigatorio do paridoiro e do servizo de pediatría de Verín por parte da Xunta, mantivo "unha discrepancia" tras oporse ao traslado a Ourense dun neno acabado de nacer.

A noticia de que Castrillo era albo dun expediente mobilizou centos de veciños e veciñas da comarca no seu apoio, que mostraron a súa solidariedade co profesional en mobilizacións como a do pasado mes de novembro. 

A instrutora do expediente disciplinario suxiría á Secretaría Xeral Técnica da Consellaría de Sanidade que Javier Castrillo sexa considerado responsábel dunha "falta grave" tipificada no Estatuto Marco do persoal estatutario dos servizos de saúde por "grave desconsideración cos superiores, compañeiros, subordinados ou usuarios", e que sexa sancionado con dous días de suspensión  de emprego e soldo.

O xinecólogo defendía a súa actuación e censuraba que se lle dea "presunción de veracidade" ao testemuño da pediatra, "que ninguén máis corrobora". Javier Castrillo reitera que o que ocorreu entre eles é algo que acontece todos os días en todos os hospitais sen que pase nada. "Foi unha discrepancia de opinións a raíz da cal a pediatra elevou unha denuncia, segundo recoñeceu, a petición do seu xefe de servizo, que comprendo que vele polos intereses dos seus profesionais, e do xerente da área sanitaria, que é tanto seu coma meu. Antes de alentar esta traballadora a denunciarme debería ter falado comigo. Mais non o fixo", o que demostra, dicíai, que non actuaron con imparcialidade.