O Sergas atrasa sete meses unha proba médica a unha doente oncolóxica

A falla de profesionais provoca as listas de agarda sanitarias (Foto: Europa Press).

A plataforma Cerdedo pola Sanidade Pública ven de denunciar un novo atraso nas citas médicas a unha doente oncolóxica.

Cerdedo pola Sanidade Pública denuncia “un novo caso do mal funcionamento do Sergas á hora de programar as citas para acudir a un ou unha especialista así como para a realización de determinadas probas diagnósticas”.

O colectivo critica que “estas citas danse para moitos meses despois, sen ter en conta que o tempo transcorrido pode agravar a enfermidade e tamén aumentar a intranquilidade do ou da doente, provocando un peor estado de saúde”.

A entidade advirte do “caso dunha veciña do lugar de Vilar, en Cerdedo, que despois de acudir ao noso centro de saúde o día 7 de xullo por un pequeno vulto nun ombro, o facultativo de Atención Primaria pediu facer unha ecografía, pero anotou con “prioridade normal”.

A plataforma apunta que o médico “non ten en conta que é unha doente operada de cancro de mama e a tratamento desde hai tres anos, e polo tanto o risco de tumores é maior que noutras persoas”.

O pasado 27 de xullo, a doente oncolóxica recibiu unha comunicación do Sergas onde lle comunica que a proba médica  realizarase o 20 de febreiro de 2024, o que significa un tempo de agarda de máis de sete meses.

Máis medios

O colectivo en defensa da sanidade publica defende “o dereito que temos a unha boa atención sanitaria está sendo desatendido totalmente diante de semellante despropósito e xuntamos a nosa voz á protesta desta muller, para exixir que esa proba diagnóstica sexa adiantada”.

A entidade alerta que “situacións coma estas son as que nos provocan, en moitas ocasións, ter que acudir á sanidade privada e aumentar o deterioro da pública, no canto de loitar xuntos persoal sanitario e doentes para que o orzamento dedicado á sanidade” se incremente.

A plataforma Cerdedo pola Sanidade Pública reclama “máis medios e máis persoal” e considera “precisa unha mellor e máis eficiente organización, así como máis sensibilidade nalgúns dos facultativos de Atención Primaria”.