O Sergas recoñece que 15% da poboación non pode conseguir cita en menos de catro días

Hospital Clínico de Santiago de Compostela. (Foto: Sergas)
O director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde (Sergas), Jorge Aboal, cifrou en 85% os galegos "que solicitan unha consulta en Atención Primaria" e que "a obteñen en menos de catro días". Por tanto, recoñeceu que hai "15% que non".

O director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde (Sergas), Jorge Aboal, cifrou en 85% os galegos "que solicitan unha consulta en Atención Primaria" e que "a obteñen en menos de catro días". Por tanto, recoñeceu que hai "15% que non".

Así o dixo Aboal ao ser preguntado esta quinta feira durante unha rolda de prensa sobre as palabras do presidente do PP e anterior titular da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, quen declarou nun acto de partido en Cuenca: "Queremos gobernar porque a sanidade cando non funciona o que fai é ter listas de espera. E a lista de espera é a maior privatización da sanidade".

O director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal, non se pronunciou sobre as palabras de Feixoo, senón que respondeu: "Vou falar da nosa realidade".

Así, ofreceu a cifra de que o 85% dos galegos consegue cita en catro días ou menos. Son datos que todos as segundas feiras recibe o Sergas para remitilas a cada unha das sete áreas sanitarias desagregadas "por centro de saúde e médico" para que así cada xerencia "saiba exactamente onde ten a maior demora" para actuar "de forma directa" a través de prolongacións de xornada e substitucións, se fosen posíbeis.

O responsábel de Asistencia Sanitaria explicou que "a primeira medida sería substituír o médico de Atención Primaria" que falta.

"Non hai facultativos dispoñíbeis"

Con todo, lamentou que nas listas de substitución hai "cero" facultativos dispoñíbeis.

"Non é nin polo contrato que se lles ofrece, nin pola contía nin pola duración nin nada diso. É que non hai ninguén a quen lle poidas dicir 'veña vostede substituír este especialista en Medicina de Familia e Comunitaria'", asegurou Aboal, para insistir en que este problema é o mesmo "en todo o territorio estatal.