O Sergas admite un seguimento da folga na sanidade moi superior a greves anteriores

[Imaxes: CIG-Saúde]

Ao non contabilizaren os servizos mínimos, desde a consellaría de Sanidade ofrecen como dado o 21,85% de seguimento a nível nacional e de entre o 12 e o 36% dependendo da área sanitaria. En greves anteriores tiña recoñecido unicamente entre un 3 e un 5% de participación. Os sindicatos convocantes --CIG, CC.OO., CESM e O'Mega-- cifran o seguimento por riba do 80%.


A primeira xornada de folga na sanidade pública en contra da súa privatización está a decorrer, segundo a valoración dos catro sindicatos convocantes, con grande suceso. Tanto é así que segundo a secretaria xeral da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, a propia Xunta "está a recoñecer" o elevado nível de participación ao cifrar esta nun 21,85% tomando en conta o dado de todos os centros da Galiza e sen contabilizaren os servizos mínimos. A respeito das distintas áreas sanitarias, o seguimento situaríase entre o 12 e o 36%, tamén sen contabilizaren os servizos mínimos. As centrais convocantes --CIG, CC.OO., CESM e O'Mega-- cifran a participación por riba do 80%.

Así, os dados de seguimento serían os que seguen: o 75% en Ourense (a consellaría só recoñece un 15,28%), o 85% en Pontevedra incluíndo O Salnés e a mesma cifra para A Coruña (a consellaría só recoñece un 25,64% e un 29,6% respectivamente), o 70% en Ferrol (a consellaría só recoñece un 36,66%), o 85% en Vigo (a consellaría só recoñece un 30,12%) e por volta do 60% en Lugo e en Compostela (a consellaría só recoñece un 12,64% e un 11,9% respectivamente).

''Presións'' no Clínico de Santiago e no Xeral de Vigo

Nos casos de Compostela e Vigo, a secretaria xeral da CIG-Saúde informou de que @s profesionais sanitari@s recibiron "presións" por parte das xerencias para desenvolver unha actividade laboral ordinaria, vulnerando os servizos mínimos acordados e estabelecendo "aqueles que diga o xerente desde o seu despacho".

Aconteceu isto no Hospital Clínico de Santiago, onde o persoal técnico de radioloxía ficou avocado a realizar toda a axenda programada; e no Hospital Xeral de Vigo, onde se pretendeu que a actividade de laboratorio decorrese como se a deste 9 de decembro non fose xornada de folga.
 

Mobilizacións convocadas para o día 10

  • Cee: 12h concentración diante da porta principal do Hospital
  • Salnés: 14h concentración diante da porta principal do Hospital
  • Ferrol: 18h con saída da Praza de España
  • O Barco: 20h con saída do hospital comarcal Conde de Fenosa
  • Ourense: 20h con saída do Pavillón dos Remedios
  • Vigo: 20h con saída do Hospital Xeral
  • Lugo: 20h con saída do edificio multiusos da Xunta de Galiza
  • Pontevedra: 20h con saída da porta principal do Hospital Provincial
  • Santiago: 20h con saída da Praza Vermella
  • A Coruña: 20h con saída da Casa do Mar
  • Barbanza: 20h con saída do centro de saúde de Ribeira
  • Monforte: 20h concentración na Praza de España
  • Burela: 20.30h con saída do Hospital da Costa