A 'xestión clínica' do PP: autoestradas cara á privatización da sanidade

[Imaxe: GZ-Contrainfo]

De aquí a 2014, a consellaría de Sanidade di que quere construír dúas áreas de xestión clínica nos hospitais e outra en atención primaria. Que é o que vai facer en realidade? Onde o vai facer? Minguará a calidade da atención sanitaria? Que vai pasar cos e as funcionarias laborais que dependen do Sergas? 


Durante esta fin de semana, 23 e 24 de novembro, difundíronse a través de correos electrónicos e das redes sociais dúas informacións. Dunha banda, alertábase da intención do Sergas de privatizar o servizo de cardioloxía do hospital de referencia na Coruña, o CHUAC. Da outra, anunciábase unha mobilización no 8º andar deste centro para a quinta feira, día 28, xustamente en contra desa privatización. Porén, os protestos das centrais sindicais decorrerán os días 9 e 10 de decembro, convocados por CIG, CC.OO., Omega e Sindicato Médico. As razóns explicámolas nesta reportaxe.

Que é o que pretende o PP facer co sistema de saúde público?

Dispor en 2014 de dúas áreas de xestión clínica nos hospitais e unha de atención primaria en cada área sanitaria da Galiza. Este é o obxectivo do decreto que está xa no forno da consellaría de Sanidade e que transpón a lei estatal 15/1997, de 25 de abril, sobre "novas fórmulas de xestión no sistema nacional de saúde". Segundo puido saber Sermos Galiza, as áreas de xestión clínica que estarían previstas serían as que seguen: 

  • Lugo => neumoloxía, psiquiatría e o centro de saúde de Vilalba
     
  • Ferrol => saúde mental
     
  • A Coruña => cardiovascular (cardioloxía e cirurxía cardíaca), psiquiatría e o centro de saúde de Sada
     
  • Vigo => farmacia, urxencias, rehabilitación, nefroloxía e o centro de saúde Pintor Colmeiro
     
  • Pontevedra-O Salnés => farmacia, dixestivo, psiquiatría e o centro de saúde de San Roque, en Vilagarcía
     
  • Ourense => oncoloxía de paliativos e dixestivo
     
  • Compostela => neurociencias (neuroloxía, neurocirurxía, neuroradioloxía e neurofisioloxía), cardiovascular (cardioloxía e cirurxía cardíaca) e o centro de saúde da Estrada

Son as AXC --área de xestión clínica-- que a Xunta ten previstas, tal e como lles foi confirmado xa ao persoal que traballa nos respectivos centros públicos. Porén, de que estamos a falar cando afirmamos o que vimos de dicir? Que é o que pretende o PP facer co sistema de saúde público?

Basicamente, deitar a súa xestión en mans privadas. Chegaron primeiro as áreas de xestión integrada, que deixaron sen autonomía hospitais como o do Salnés, que vai camiño de ficar reducido a centro de saúde; o da Costa, que pasou a depender de Lugo; e o de Verín e O Barco, xestionados canda o de Ourense baixo unha xerencia única da cal é titular Eloína Núñez, a curmá de Feijóo.

Autonomía, autoxestión... para a empresa privada

Con este decreto que está a cociñar, a consellaría de Sanidade dá un paso máis. "A maioría dos conceptos que implica a xestión clínica poderían ser perfectamente defendíbeis", sinala a enfermeira de Psicoloxía e delegada sindical da CIG-Saúde, María Seixo. E é que o que esta fórmula significa, a priori, é que @s profesionais deixarán de prestar un servizo meramente asistencial para xestionaren el@s propi@s os recursos económicos, humanos e materiais de que dispoñen. Aliás, e tamén a priori, estas áreas nacerían sen entidade xurídica propia.

Ripémoslle agora este disfrace de autonomía e autoxestión con que a Xunta do PP presenta os seus plans. Que hai debaixo? Micro-empresas que se poderían facer, na práctica, coa xestión do sistema sanitario público. Por que? Porque así o dispón a lei 15/1997, ao contemplar a posibilidade de as transformar en fundacións ou de dar entrada ao capital privado. 

E o persoal sanitario? Seguiría a depender do Sergas?

A consellaría de Sanidade ten dito que a integración d@s profesionais nas novas áreas é voluntaria. Porén, tampouco isto é verdade. A lei 10/2013, aprobada o 25 de xullo e que fai referencia á vixilancia contra a falsificación de medicamentos, inclúe unha disposición adicional, a quinta, onde se sinala o seguinte: "o persoal sanitario que se integre nas AXC deixará de pertencer ao réxime estatutario para pasar ao réxime laboral". É dicir, deixan de ser traballador@s públicas para depender dunha empresa privada.

De non asinaren o acordo de integración "o risco é altísimo; esta lei déixanos aos pés dos cabalos", subliña María Seijo. Malia que a Xunta di que non é posíbel o translado forzoso de profesionais dunhas áreas a outras, a realidade é que o Plan de Ordenación de Recursos Humanos vixente na actualidade xa permite eses translados forzosos. 

Sanidade pagará para que @s profesionais aforren

Así e todo, as repercusións máis importantes inciden na atención sanitaria que carrexan as condicións de funcionamento destas áreas tal e como as pretende implantar o PP. A tan cacarexada 'austeridade' vaise aplicar tamén aquí. Con todo, non será a consellaría quen retalle en servizos de saúde básicos, senón @s propi@s enfermeir@s e médic@s, ao seren el@s quen xestiona as UXC. A cambio de aforrar --literalmente-- a Xunta ofrece --tamén literalmente-- incentivos.

É dicir, o Goberno galego vai pagar para que @s profesionais da saúde gasten o menos posíbel en prestacións farmacolóxicas, en probas médicas... e en persoal. Ligar os resultados da área sanitaria non á calidade da atención senón ao aforro, non a criterios de saúde senón a criterios económicos. "Que vai pensar o paciente que teño diante? Que non lle dou un tratamento porque non o necesita ou porque quero cobrar un incentivo?" Coa pregunta retórica que se fai a enfermeira María Seijo concluímos.