O Sergas publica a puntuación provisional do concurso de méritos para médico especialista en Atención Primaria

Porta de acceso a un centro sanitario de Atención Primaria (Foto: Europa Press)
En total, participaron 355 aspirantes para 106 prazas ofertadas.

O Diario Oficial da Galiza (DOG) publicou no día de hoxe a puntuación provisional do proceso selectivo, polo sistema de concurso, para o acceso como persoal fixo á categoría de facultativo especialista de Atención Primaria.

En total, participaron 355 aspirantes para 106 prazas ofertadas.

A medida busca diminuír o "o moi grave déficit" de persoal de médico de familia existente na Atención Primaria galega mediante a incorporación urxente do primeiro grupo de profesionais da nova categoría, a través dun sistema de concurso sen realización de exercicios de oposición.

Segundo o Goberno galego, con este sistema conséguese a incorporación do persoal "en prazos moi breves", de forma que está previsto "resolver o proceso a finais do mes de setembro".

Do total de persoas aspirantes, 74 non teñen vinculación actual co Servizo Galego de Saúde (Sergas).

Contra os resultados do baremo provisional, os aspirantes dispoñen dun prazo de reclamacións de cinco días hábiles, do 3 ao 9 de agosto, ambos incluídos.

"Sen médicos" de Primaria nas listas

O pasado 15 de xullo, o xerente do Sergas José Flores, defendeu que existe unha "planificación" a respecto das contratacións para cubrir as vacacións do persoal médico —12.802 entre xuño e setembro de 2021—, mais recoñeceu que non é o caso dos médicos de Atención Primaria porque "non os hai".

"Non os temos para as listas", insistiu Flores, en resposta a unha pregunta formulada polo deputado do PSdeG Julio Torrado durante a última sesión da Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento da Galiza no actual período de sesións.

O parlamentario socialista fixo lectura de varias novas de medios de comunicación e advertiu que a Atención Primaria galega "probabelmente está a sufrir o peor dos veráns históricos". "Pero é que o verán que vén vai ser mesmo peor. E en catro ou cinco anos vai ser imposíbel", engadiu.