Parlamento

O PP rexeita dotar de máis recursos a Atención Primaria

Unha proposición non de lei reclamaba aumentar 2% o orzamento.
Sesión do Parlamento galego. (Foto: Parlamento da Galiza)
photo_camera O PP acusou no pleno o BNG de "desprestixiar" a sanidade. (Foto: Parlamento da Galiza)

O grupo parlamentario do PP votou en contra de dúas proposicións non de lei que demandaban, respectivamente, máis medios e recursos orzamentarios para a Atención Primaria e a saúde mental. As iniciativas foron defendidas onte no pleno do Parlamento galego polo BNG e contaron co apoio do PSdeG, mais a suma resultou insuficiente ante a maioría do PP.

A proposición da formación nacionalista a respecto da Atención Primaria propuña, entre outras cuestións, "aumentar o orzamento até chegar a 25%, e na actual lexislatura, incrementar 2,2% (máis de douscentos millóns de euros) para chegar á media do Estado".

A deputada nacionalista Montse Prado acusou o PP de querer "tapar con propaganda" unha realidade sanitaria "que non lles gusta". Julio Torrado (PSdeG) incidiu en que o problema en Atención Primaria "non é puntual" e que o Goberno galego non sabe actuar, "está desesperado". Encarnación Amigo (PP), pola súa parte afirmou que a proposición non de lei era "un novo esforzo do nacionalismo galego de desprestixiar a sanidade galega".

Riscos

O Partido Popular tamén votou en contra da proposición non de lei sobre a saúde mental para a mocidade, que foi defendida polo deputado nacionalista Paulo Ríos.

Ríos demandou incrementar os recursos públicos para esta atención especializada dado o incremento dos casos e a "clara insuficiencia dos medios existentes". "Os datos son alarmantes e, segundo as cifras achegadas polo Centro Raíña Sofía, hai un aumento da taxa de suicidio, que no noso caso é o máis alto, con 7,16% por 100.000 mozos e mozas".

Marta Rodríguez (PP) situou no Goberno do Estado a responsabilidade de atender as peticións que formulaba o BNG. "Esta iniciativa chega tarde", criticou a parlamentar popular ao nacionalista, aseverando que a Xunta xa estaba a traballar nestes temas.

Comentarios