O Sergas prohibe servir no interior dos bares en Arteixo e nun barrio de Lugo

O conselleiro Jesús Vázquez Almuíña nunha imaxe de arquivo (Foto: Conchi Paz / Europa Press)
O conselleiro de Sanidade tamén anuncia que as reunións en ambas zonas quedarán limitadas a un máximo de cinco persoas que non convivan. A semana próxima haberá restriccións aos eventos masivos e os que se celebren esta fin de semana deben ser comunicados á Xunta para que se poida levar un control das e dos participantes.

A Consellaría de Sanidade vén de decidir que implantará a prohibición de servir no interior dos bares no barrio da Milagrosa, en Lugo, e en todo o concello de Arteixo para tentar controlar os contaxios.

A medida do Sergas tamén inclúe a restricións das reunións a cinco persoas en ambos lugares. Afectará só a aquelas persoas que non viven xuntas. Estas novas medidas tómanse ante o incremento dos positivos.

O conselleiro Jesús Vázquez Almuíña puntualizou que no resto da cidade de Lugo restrinxiranse a un máximo de 10 participantes os encontros e a capacidade permitida nos estabelecementos públicos pasará ao 50%.

Estes anuncios chegaron despois de que o responsábel do Servizo Galego de Saúde participase na reunión do subcomité clínico que se ocupa do seguimento dos gromos na Galiza.

Entre o que avanzou Vázquez Almuíña, tamén destaca que desde a semana próxima vai haber novos límites a celebracións como bautizos, vodas e comuñóns na Milagrosa e en Arteixo. Fixarase un número máximo de invitadas.

No caso dos eventos programados para esta fin de semana, haberá que comunicalos á consellaría para que poida facer un control.