A Xunta non desbota pedir o certificado Covid en máis ámbitos que os hospitais

Colas para a vacinación en Compostela, nas primeiras semanas da campaña. (Foto: Europa Press)
Espera que a "finais de semana" entre en vigor para visitas dos hospitais.

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) prevé administrar unhas 29.000 doses de reforzo contra o coronavirus ao día unha vez reabran o 19 de novembro, os recintos masivos de vacinación. A intención é inmunizar a uns 203.000 cidadáns cada semana.

Son cifras que deu este domingo o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, nunha entrevista concedida á Radio Galega e recollida por Europa Press, na que explicou que a recuperación dos 'vacinódromos' débese a que funcionaron "de modo brillante" e "impecable" en anteriores fases da campaña.

De acordo coas súas previsións, nas próximas semanas administrarase a terceira dose a case 290.000 galegos de 70 a 79 anos -até o 30 de novembro- e a segunda de Janssen a máis de 122.000 que recibiron esta vacina -o conselleiro estimou que esta fase finalizará o 5 de decembro-.

Os centros masivos serán os mesmos que en anteriores fases da campaña de vacinación agás en Pontevedra e Vilagarcía de Arousa, porque "estaban xa comprometidos a outros usos". Tamén hai "un pequeno axuste" no de Monforte de Lemos, explicou o conselleiro.

No caso de que a incidencia siga en aumento, o titular de Sanidade non desbotou que se implante a esixencia do certificado covid na hostalaría

Preguntado sobre se se prevé que as doses de reforzo contra a Covid cheguen a toda a poboación, García Comesaña avanzou que toda "a información publicada por agora vai por esa liña", aínda que a Unión Europea déixao "a criterio dos países". "En España, a Comisión de Saúde Pública decidiu centrarse nos maiores de 69 anos, pero todo parece indicar que si", engadiu.

Tras unha semana na que os datos diarios da pandemia -até superar os 1.000 casos activos- confirmaron a tendencia á alza da incidencia na Galiza, o titular de Sanidade recoñeceu que a Xunta ve a situación "con preocupación" e "cautela".

Neste contexto, o conselleiro insistiu na súa aposta por estender o emprego do certificado Covid, porque "parte importante dos casos activos responden a persoas non vacinadas" nunha "proporción maior que os vacinados". Así, deu a cifra de que, a pesar de que só na contorna do 6% da poboación diana está sen vacinar, os non vacinados supoñen "o 25%" de todas as persoas que padecen a enfermidade.

Polo momento, a Xunta aposta por estender a esixencia do certificado covid ás visitas dos pacientes nos hospitalizados, para o que pedirá autorización ao Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) "nas próximas horas". A intención é que estea implantado "cara a finais de semana", afirmou García Comesaña.

"Inicialmente" só será no ámbito hospitalario, tal e como matizou García Comesaña, posto que para acudir a centros de saúde e probas diagnósticas "é posíbel manter a máscara posta todo o intre". Así mesmo, no caso de que a incidencia siga en aumento, o titular de Sanidade non desbotou que se implante a esixencia do certificado covid na hostalaría, algo que "no seu momento xa pediron os propios hostaleiros", lembrou.

"Non está riba da mesa agora mesmo, dados os números de Galiza agora mesmo, pero por suposto sempre estivo aí", engadiu, lembrando que no lecer nocturno mantense en vigor esta medida.

"Imos insistir moitísimo na vacinación como principal ferramenta e imos dar valor a medidas que animen á vacinación", insistiu o conselleiro, na entrevista na Radio Galega.

Coa vista posta no Nadal, se ben aínda "falta moito", García Comesaña xa avisou que serán unhas festas "con máscara no interior, sen dúbida, e con recomendacións de prudencia". De feito, lembrou todo o que pasou "despois" do Nadal pasado, cunha nova onda da pandemia que deixou cifras de contaxios e ingresados de récord.