A Xunta patrocina o Xacobeo mesmo nos documentos de solicitude da eutanasia

Documento para solicitar a eutanasia co logo do Xacobeo. (Foto: Nós Diario)
A Consellaría de Sanidade asegura que é un procedemento "habitual" noutros documentos sanitarios.

A promoción institucional do Xacobeo é omnipresente nas comunicacións do Goberno galego, até o punto de que mesmo utiliza o Servizo Galego de Saúde (Sergas) para incluír publicidade institucional do Xacobeo 2021-2022 até na documentación requirida para solicitar o acceso ao procedemento da eutanasia.

Segundo trasladan a Xerencia do Sergas e a subdirección xeral de Asistencia Hospitalaria, é “habitual” que a Administración cumprimente coa publicidade do Xacobeo “documentos deste tipo”. Algo que corroboran facultativos do Sergas a Nós Diario. "Tamén o fan co programa de cribado de neoplasia de mama e mesmo de cancro colorectal", indican fontes sanitarias.

“Isto é unha auténtica aberración, meter publicidade turística en documentos sanitarios”, lamenta a mesma fonte, para quen promover o Xacobeo na tramitación da eutanasia "xa é demasiado". "Meter publicidade xacobea no documento no que solicitas axuda para morrer é unha frivolidade innecesaria”, denuncia un médico en declaracións a Nós Diario.

“A piques de rematar o Xacobeo, desaparecerá o logotipo e fin do asunto, pero mentres tanto, houbo que darlle o documento [ás persoas solicitantes de eutanasia] con esa invitación ao turismo que non sei se pretende convencer os familiares”, sentencia esta fonte.

Sen resposta da Xunta

Segundo puido saber Nós Diario, foron varias as persoas profesionais do Sergas que se puxeron en contacto coas súas respectivas Xerencias e cos órganos institucionais correspondentes para pedir unha explicación sobre o uso de publicidade turística en documentos de carácter sanitario.

“A subdirectora de Asistencia Hospitalaria chegou a dicirnos que se trataba dunha prestación sanitaria máis, sen recoñecer a transcendencia da prestación, nin a complexidade dunha lei que a sostén e que mesmo muda o código penal”, algo que para as persoas profesionais evidencia que “non é unha prestación máis”.

Após recibir a resposta do Sergas, os sanitarios puxéronse en contacto coa Comisión de garantías e avaliación da eutanasia, dependente do Goberno galego, sen que de momento recibisen resposta algunha ás súas queixas.