Sanidade

O Sergas admite que a maquinaria doada por Amancio Ortega trata pacientes da privada

O director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal. (Foto: Xoán Crespo)
Jorge Aboal nega que fosen "cedidas" a un centro privado pero recoñece que, das perto de 5.000 persoas que son atendidas con estas máquinas nun centro privado da Coruña, unhas 400 non pertencen ao Sergas e teñen seguro privado.

O director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal, negou esta quinta feira en sede parlamentaria que a Administración sanitaria galega cedese a maquinaria de alta tecnoloxía doada pola Fundación Amancio Ortega a unha entidade privada. Porén, si admitiu que estes equipos tratan, compensación mediante, uns 400 pacientes con seguro privado.

Foi en resposta a unha pregunta formulada polo deputado socialista Julio Torrado en relación co uso deses equipos doados no Centro Oncolóxico da Coruña, de carácter privado. Na súa resposta, Aboal dixo que son "rotundamente falsas" as acusacións de cesión desta maquinaria, alegando que o convenio de uso que asinou a Xunta non se fixo co Centro Oncolóxico.

Fíxose, insistiu, co Consorcio Oncolóxico da Galiza, unha "entidade de dereito pública integrada pola Xunta", como parte maioritaria, alén de por outras entidades, na que a iniciativa privada —o propio Centro Oncolóxico— "ten menos de 30%" de representación.

"Os equipos seguen sendo do Sergas", defende Aboal

E engadiu que a Xunta "puxo ao dispor [do centro] e non cedeu" esta maquinaria, dado que "o propio convenio recolle que os equipos seguen sendo do Sergas", dixo Aboal, que asegurou que os equipos serán trasladados ao Hospital da Coruña cando o Plan Director do centro dote o mesmo dos espazos precisos para usar esta tecnoloxía.

Namentres, dixo, "está claro que as máquinas non están no hospital público", senón neste centro privado desde o que se "está dando a asistencia adecuada e debida aos cidadáns do Sergas na área norte da Galiza".

Máis en concreto, o director xeral apuntou que uns 5.000 pacientes puideron beneficiarse desta tecnoloxía na área norte, dos que "máis de 90% son pertencentes ao Sergas", mentres que "hai uns 400 pacientes que non están adscritos" ao sistema público, para os que "a fundación abona a través do concerto unha cantidade" por dispor e usar estas máquinas.