Desmantelamento da sanidade pública

O Sergas mantén áreas sanitarias sen comités de ética asistencial

[Imaxe: Elisardojm] Hospital da Costa

Facultativos da Mariña levan anos reclamado un Comité de Ética Asistencial (CEA) para a súa área sanitaria. A Consellaría de Sanidade non considera necesario que cada área teña este servizo de resolución de conflitos éticos no ámbito sanitario, e opta por derivar as áreas de Cervo e Monforte ao CEA de Lugo, sobrecargando enormemente este servizo e incumprindo así o regulado no decreto da propia Xunta polo que se crearon os CEA.

A área sanitaria de Cervo (A Mariña) carece dun Comité de Ética Asistencial a pesar de ser unha reivindicación realizada por facultativos do Hospital da Costa en reiteradas ocasións e a través de múltiples canles. Así pois, a área sanitaria de Cervo non conta cun servizo regulado pola Xunta e cualificado de imprescindíbel como son estes Comités de Ética Asistencial.

Os CEA son órganos de carácter consultivo postos ao servizo de profesionais e usuarias dos centros sanitarios

Os CEA son órganos de carácter consultivo postos ao servizo de profesionais e usuarias dos centros sanitarios. Analizan, deliberan e asesoran na resolución de conflitos éticos que poidan xurdir no labor asistencial. Un CEA ten por tanto o obxectivo de aconsellar en situación de complexidade ética as decisións clínicas de haber un conflito que o persoal médico ou paciente e ou familia consideren, como por exemplo, no caso de retirar alimentación artificial a un paciente en situación agónica ou con confirmación de morte encefálica.

A lexislación indica que esta área sanitaria debe contar cun CEA

A lexislación indica que esta área sanitaria debe contar cun CEA, razón que sinalaron facultativos do Hospital da Costa no ano 2016 cando, após trasladar varias demandas verbais, realizaron un escrito á xerencia executiva de Cervo para que aclarase por que aínda non se implantara o comité na área sanitaria.

De feito, o decreto polo que o Sergas creou e regulou os CEA no ano 2000, sinala no seu artigo número 2, que cada hospital ou complexo hospitalario da rede do Sergas, así como en cada centro sanitario concertado con poboación sectorizada e en cada xerencia de atención primaria ou área, no caso de que a atención primaria estea dividida en dúas, existirá un Comité de Ética Asistencial que emitirá os seus informes sobre os conflitos éticos ocorridos no seu ámbito de actuación.

Ao non haber resposta por pare da xerencia, fíxose un requirimento á valedora do pobo, quen tardou máis dun ano en dar unha contestación

Ao non haber resposta por parte da xerencia, fíxose un requirimento á valedora do pobo, quen tardou máis dun ano en dar unha contestación, e na cal afirmaba que a Consellaría de Sanidade emitiu un informe no que se facía constar que se estaban a examinar os CEA, e que ao non estaren constituídos nin no Hospital da Costa nin no de Monforte de Lemos, as e os profesionais serían asesorados por outros profesionais “que poden achegar o seu saber ético”. Porén, como a propia valedora entendía, a resposta da consellaría sinalando como substitutos dos CEA “profesionais con saber ético” era pouco concreta e ficou emprazada a enviar unha nova resposta con maior concreción.

A resposta da valedora do pobo non chegou até oito meses despois, o 2 de xullo do 2018, motivo polo que un facultativo presentou a mesma queixa no Defensor do Pobo quen, á súa vez, volveu remitir á valedora. Finalmente, a resposta da valedora recolleu un escrito da Consellaría de Sanidade no que asignaban o CEA de Lugo para ás areas sanitaria do propio Lugo, Cervo e Monforte de Lemos, asegurando que “o volume de cuestións presentadas é suficiente para atender os hospitais do seu ámbito”. Descartábase por tanto nesta nova comunicación constituír un CEA nas áreas de Cervo e Monforte.

Desde o propio CEA lugués informouse que o seu traballo era amplo e que non poderían atender máis peticións

Con tal resposta, o facultativo que presentara a queixa á valedora púxose en contacto co CEA do Hospital de Lugo, que segundo o Sergas e a Valedora sería o seu comité de referencia. Mais desde o propio CEA lugués informouse de que o seu traballo era amplo e que non poderían atender máis peticións.

A Consellaría no seu escrito sinala tamén o artigo 2, mais esgrimindo que cada hospital contará cun CEA (e engaden) “de referencia”, alterando por completo o espírito do decreto de creación destes comités.

Haberá posibilidade de na Mariña contar cun CEA?

A eliminación por parte da Xunta da área sanitaria da Mariña xa non lle permitirá contar cun CEA. O novo modelo de xestión da Xunta, a EOXI, que elimina a área sanitaria da Mariña, centra todos os servizos nos centros hospitalarios das grandes cidades e precariza os medios nas comarcas.

Este desmantelamento da estrutura sanitaria iniciou cando a implantación das Estruturas Organizativas de Xestión Integrada (EOXI), un modelo baseado no enfoque económico e na eliminación de gasto, e precisamente, entende os centros periféricos, hospitalarios e centros de saúde, como un gasto e vez de como un servizo público. Coas EOXI preténdese a creación de megaáreas sanitarias ao redor dos grandes centros en cada urbe e eliminar definitivamente as áreas sanitarias como a de Cervo.

 

Reproducimos a continuación a primeira páxina das dúas respostas da valedora do pobo ao facultativo que presentou queixa e ás que tivo acceso Sermos Galiza.