Produto das comisións sectoriais

A CIG e SOS Sanidade Pública dan tres meses ao Sergas para que aplique os acordos en Atención Primaria

Protesta da Atención Primaria de Vigo, o pasado maio. Foto: cedida.

Se en tres meses o Sergas non aplicou as medidas vinculantes acordadas nas comisións sectoriais para “mellorar a Atención Primaria”, volverán as mobilizacións. Así o advertiron na mañá desta sexta feira a CIG e a plataforma SOS Sanidade Pública, para as que en outubro o traballo dos citados organismos deberá xa dar froitos.
 

A propia Consellaría de Sanidade comprometeuse, expuxeron, a reunir as comisións na primeira metade de xullo. Daquela, na próxima xuntanza do plenario do consello técnico ese traballo “debe traducirse en medidas vinculantes”. A CIG reclamou ademais, a través da súa portavoz María Xosé Abuín, que psicólogos e logopedas entre a formar parte das mencionadas comisións, porque a Atención Primaria “está formada por un equipo multidiscipilnar de profesionais”.

“En caso de que non vexamos avances claros, estudaremos mobilizacións”, afirmou Xosé María Dios, de SOS Sanidade Pública. O sector estalou nos últimos meses en múltiples protestas, consecuencia de dez anos de retalladas e reconfiguración neoliberal a cargo dos gobernos de Feixoo. Dios considerou ademais que o consello técnico tivo “aspectos negativos”, como o deixar fóra logopedas e psicólogos, e “positivos, o cumprir prazos”.

En todo caso, María Xosé Abuín asegurou que o actual modelo de atención primaria “está fracasado, porque dificulta a prestación asistencial” e lamentou “que non se atendese ningunha das propostas presentadas” polos colectivos asistentes á última xuntanza do consello técnico a pasada quinta feira.