Xustiza

Nova condena ao Sergas, que deberá indemnizar con 26.000 euros unha paciente por "mala praxe"

Asinárase o consentimento informado para implantar unha prótese parcial e non total, como foi a que recibiu finalmente. (Foto: Nós Diario)
O TSXG confirma a indemnización a unha doente por mor da "falta de consentimento informado e mala praxe" nunha operación de xeonllo á que foi sometida para implantarlle unha prótese, que resultou ser "sobredimensionada e incompleta".

A sección primeira da Sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) confirmou perante un auto difundido esta cuarta feira que o Sergas deberá abonar unha indemnización de 25.747 euros a unha paciente debido á "falta de consentimento informado e á mala praxe" nunha operación de xeonllo á que foi sometida, na que se lle implantou unha prótese "sobredimensionada e incompleta".

Os maxistrados rexeitaron, así, o recurso da afectada contra a sentenza ditada polo Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Santiago. Ela solicitaba o pagamento de até 180.000 euros. Neste senso, a respecto da indemnización pola falta de consentimento informado, o TSXG explica que tanto a idade da doente como o seu estado físico influíron na "dificultade da decisión de que prótese colocar".

Ademais, indica neste veredicto que a especialista "valorou até o último momento o concreto estado da paciente para decidir a intervención terapéutica, de modo que, malia que se pautara inicialmente a colocación dunha prótese unicompartimental —que non substitúe a articulación completa, senón só de forma parcial— para a que se asinara o consentimento informado, finalmente decidiuse días antes que era mellor a colocación dunha prótese total, ante a situación en que se atopaba nese momento a demandante".

Na sentenza os xuíces aseguran que o facultativo fixo constar que "se comentou á recorrente" a mudanza de modo que, se ben non houbo un consentimento escrito e asinado para este cambio, "non pode considerarse que non houbese coñecemento por parte da paciente". Por iso, conclúen que a contía de 3.000 euros por este concepto fixada en instancia "non se considera insuficiente".

Sobre a indemnización derivada das consecuencias que para a recorrente tivo a "mala praxe" na intervención cirúrxica, a Sala recalca que "non se discute que, en efecto, non se cumpriu debidamente coa lex artis, considerando que a prótese que se implantou non foi a correcta". Porén, o TSXG salienta que a impugnación da contía "baseada unicamente na aplicación ou non aplicación do baremo á hora de fixar a indemnización, non pode ser considerada para estimar un recurso de apelación".

"Esta Sala non pode máis que confirmar o anterior razoamento, na liña xa indicada do carácter orientador do baremo, e da necesidade de ponderar todas as circunstancias concorrentes, pois non pode obviarse que o citado baremo está concibido para valorar lesións causadas por accidentes en persoas sas, en tanto que, tratándose de responsabilidade patrimonial como ocorre neste caso, trátase de valorar o resultado dunha asistencia sanitaria non conforme á lex artis sobre quen tiña xa mermada dalgún modo a súa saúde, sendo aquela asistencia precisamente dirixida á súa melloría", explica o alto tribunal galego na sentenza.

Con base nestes argumentos, o TSXG ratificou a sentenza de instancia. Contra esta resolución cabe interpor recurso de casación perante o Tribunal Supremo.