Xustiza

Nova condena ao Sergas: deberá indemnizar con 100.000 euros a familia dun mozo que morreu de cancro pola demora

A demora dun ano na diagnose derivou en "numerosos ingresos" do paciente nas Urxencias. (Foto: Nós Diario)
A diagnose atrasouse até un ano e os síntomas xa eran "notorios e evidentes", recolle a sentenza, polo que o tribunal, na sentenza de primeira instancia que o Goberno galego recorreu perante o TSXG mais cuxo relato non se modificou agora, estima que o paciente sufriu unha "defectuosa atención sanitaria sufrida polo atraso diagnóstico e terapéutico".

Nova condena ao Sergas. O servizo sanitario público da Galiza deberá indemnizar coa cantidade de 100.000 euros a familia dun mozo de 23 anos que faleceu en xuño de 2019 por un cancro de óso denominado Sarcoma de Ewing, debido á demora dun ano na diagnose desta enfermidade.

Trátase dunha contía que fixa o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) despois de estimar un recurso interposto polo propio Goberno galego contra unha sentenza de primeira estancia que fixaba a indemnización en 150.000 euros. A familia, inicialmente, reclamaba 300.000 euros.

Segundo recolle esta primeira sentenza, cuxo relato o alto tribunal non entra a corrixir, o paciente sufriu unha "defectuosa atención sanitaria sufrida polo atraso diagnóstico e terapéutico" desta enfermidade oncolóxica, que lle ocasionou "numerosos ingresos" tanto nas Urxencias do punto de atención continuada (PAC) de Betanzos (As Mariñas) como no Hospital da Coruña (Chuac) por dores na cadeira.

O diagnóstico do cancro "demorouse un ano" e o mozo finou o 9 de xuño de 2019 "sen opción terapéutica ningunha". Así pois, a familia presentou unha reclamación directamente diante da Administración galega. En abril de 2021, a Consellaría de Sanidade estimaba parcialmente a indemnización e fixouna en 100.000 euros.

Xa nos tribunais, onde a familia estivo asistida polo Despacho de Alfonso Iglesias (A Coruña), o Xulgado do Contencioso-Administrativo estimou "axustada" unha indemnización de 150.000 euros. Agora, o TSXG, após o recurso da Xunta por estar "desconforme" co montante, volveuno rebaixar a 100.000 euros por ser unha contía, esta si, "axustada a dereito".

Os maxistrados explican nesta última sentenza, emitida o 10 de maio de 2023, que a doutrina a seguir non é a de infracción da lex artis, senón a da "perda de oportunidade" no diagnóstico e na pauta do tratamento, que se demorou "varios meses" até que os síntomas xa eran "notorios e evidentes".

Todo iso con base en tres informes periciais de oncólogos, a partir dos cales o TSXG sinala, pola súa parte, que "resulta difícil concretar en que porcentaxe un diagnóstico e tratamento precoz achegaría un resultado máis beneficioso para o paciente".