O Sergas incorpora médicos sen especialidade para "reforzar" a Atención Primaria

Consulta de Atención Primaria do Servizo Galego de Saúde (Foto: CRTVG).
A Asociación en Defensa da Sanidade Pública critica a estratexia do Executivo Galego xa que "supón unha volta atrás".

Onte comezaron as tarefas dos técnicos de saúde contratados polo Sergas para “apoiar" os médicos de Atención Primaria, tal e como anunciara o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña no Parlamento da Galiza. Segundo a Consellaría, "estes profesionais desenvolverán o seu labor de forma centralizada nas instalacións do Centro de Atención Integral ás Emerxencias, no Concello da Estrada".

Algúns dos labores que realizarán serán o "seguimento dos pacientes Covid positivos, a tramitación das baixas e altas das persoas asintomáticas e a atención telefónica para responder a demandas de información relacionadas co coronavirus", entre outras cuestións, afirma o Executivo galego.

Fóra da legalidade?

Desde a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (Agdsp), denuncian que este anuncio da Xunta é, en realidade, "un encubrimento dunha ilegalidade", xa que no anuncio dise que o novo persoal "poderá atender demandas segundo as necesidades asistenciais", algo que segundo a Agdps indica que "actuarán de médicos de familia sen acreditación para iso".

"Ningún médico pode, por lei, traballar na sanidade pública no Estado español, sen o título de especialista homologado", aseveran desde o colectivo e afirman, ademais, que "aínda que inicialmente a contratación é por dous meses, esta medida instaura unha porta de acceso ilegal na sanidade pública e na Atención Primaria".

De acordo coa Agdsp, esta decisión "demostra a ausencia dunha planificación racional das necesidades de médicos pola Consellaría de Sanidade do PP, xa que a maioría dos centros de saúde teñen gravísimos problemas asistenciais por falta de persoal, o que obriga a poboación a soportar listas de agarda intolerábeis". 

"Revélase inaceptábel que se recorra a este 'parche', que pode supor unha volta atrás, cando os médicos podían exercer sen un período de formación supervisada, coa consecuente diminución na calidade e a seguridade dos pacientes", destacan desde a asociación.

A aparente falta de interese do Executivo galego en resolver esta situación, segundo a entidade, tamén levanta críticas: "A Xunta da Galiza non parece interesada en solucionar esta situación, xa que nos orzamentos deste ano o incremento de fondos para a formación de novo persoal especializado foi dun raquítico 4,8%, algo insuficiente para afrontar a gravidade de falta de especialistas en Medicina Familiar e Pediatría".