O Sergas responde á acusación de falta de pediatras en Lalín ante un surto de escarlatina

Centro de Saúde en Lalín (Foto: Google).
“A dotación de pediatras na área do Deza está ao completo e a escarlatina é unha enfermidade maioritariamente benigna", aseguran desde o Servizo Galego de Saúde.

A Asociación de Pacientes e Usuarios do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) denunciou esta segunda feira a aparición dun surto de escarlatina en Lalín que non podía ser tratado por mor de falta de pediatras.

Ante esta información compartida pola asociación, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) remitiu un comunicado ao que tivo acceso Nós Diario en que responde ás acusacións de falta de pediatras.

“Ante a alarma xerada polo comunicado da Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS, a Xerencia da área sanitaria quere trasmitir absoluta tranquilidade á poboación”, comeza o Sergas o comunicado.

“A dotación de pediatras na área do Deza está ao completo e a escarlatina é unha enfermidade maioritariamente benigna, con tratamento e fácil diagnóstico mesmo pola clínica, e para cuxa atención os profesionais da sanidade pública galega están perfectamente capacitados. Tanto pediatras como médicos de familia”, continúa o servizo público de saúde galego.

Para alén diso, desde o Sergas achegan as palabras de Susana Rey, presidenta da Sociedade Galega de Pediatría que asegura que “levamos centos de casos rexistrados e mesmo gromos en centros escolares de toda a Galiza, e non hai ningunha razón para a alarma”. 

“A escarlatina é hoxe en día unha infección común, causada polo estreptococo A. Trátase de algo rutineiro para calquera pediatra e mesmo é menos contaxiosa que a gripe”, engade.

Os test

Finalmente, desde o Sergas manifestan que na Galiza “hai test de abondo, no centro de Saúde de Lalín houbo estes días un consumo superior á media e se servirán en breve os test, que confirman o diagnóstico pero que non son imprescindíbeis cando a clínica está clara”.