Sanidade escúdase na pandemia para non cubrir as vacacións do persoal de enfermaría

Persoal de enfermaría nunha instalación sanitaria gala. (Foto: Lub Nobout / Zuma Press / ContactoPhoto)

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asegura que o “número importante” de contratacións nos últimos meses “fai máis difícil” atender ás substitucións do persoal no verán. Ademais defende o feche de camas hospitalarias porque, afirma, hai menos demanda pero compromete a apertura “se son necesarias”.

O máximo responsábel do Sergas, Julio García Comesaña, asegurou que este ano a Xunta o ten difícil para contratar persoal de enfermaría que cubra as carencias de profesionais vinculadas ás vacacións.

O tamén conselleiro de Sanidade vén de escudarse na pandemia para explicar a situación pois ao existir un “número importante” de contratacións nos servizos de Enfermaría durante todos estes meses polas necesidades engadidas pola Covid-19.

Así deixa entrever que, supostamente, non habería expertas suficientes para “a cobertura do cento por cento das ausencias”. De feito, alega que a incorporación de máis traballadoras durante todo o tempo “fai máis difícil” atender ás necesidades de todas as áreas que perden persoal no estío.

No entanto, asegurou que se traballa para “compatibilizar” o dereito ás vacacións e descanso “coa actividade asistencial”.

"Trabállase nese sentido, para que non haxa problemas e para compatibilizar a actividade asistencial co descanso dos traballadores", aclarou aos medios.

Ademais, sinalou nun acto en Vigo, que as e os enfermeiros teñen “un peso importantísimo” dentro do Sergas, se ben hai nada bateu coas críticas deste sector por non facelo partícipe das conversas para reestruturar a Atención Primaria.

Menos prazas hospitalarias

Na súa intervención, García Comesaña tamén falou do feche de plantas ou camas nos centros hospitalarios da Galiza no verán, aludindo a que se inhabilitan camas porque “hai menor demanda” e chegan as vacacións maioritarias do persoal.

Se os sindicatos falan de 135 prazas menos na área sanitaria de Vigo, é dicir, un 12,6% do total que non estaría dispoñíbel, o responsábel non quixo dar cifras concretas porque é un “número variábel”.

Aínda así, asegurou que se fan falla se poden reabrir.