O Sergas cubrirá "ocos" na campaña de vacinación cos maiores de 18 anos que o soliciten

Campaña de vacinación no Ifevi. (Foto: Europa Press)
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, avanza que o tratamento para as e os galegos de menos de 40 anos chegará no mes de xullo. A cidadanía será avisada por SMS da súa cita.

A Xunta ten previsto que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) comece a vacinación contra a Covid-19 das persoas menores de 40 anos no mes de xullo. Ademais, estrenará un novo formato para dar as citas.

Segundo avanzou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, nun encontro en liña promovido pola Asociación de Xornalistas da Galiza, a idea é citar por SMS á poboación comezando desde os 39 anos cara abaixo.

No entanto, neste caso si haberá xente doutras franxas de idade que poida adiantar o seu tratamento fronte ao virus. Así, comentou que os SMS convivirán cun procedemento de solicitude de quenda de carácter voluntario.

Este está pensado para todas aquelas persoas maiores de 18 anos que irán a parar ás horas nas que sexa preciso cubrir "ocos". Esta parte da cidadanía terá dispoñíbel unha páxina web de xestión da demanda a partir do 1 de xullo. Esta fórmula xa fora probada en Euskadi.

Polo momento, o persoal sanitario encárgase da inmunización da poboación entre 40 e 49 anos, que é a máis numerosa no país. García Comesaña estimou a cifra nunhas 400.000 persoas, se ben "moitas" xa están vacinadas por ser persoal prioritario do que se vacinou ao principio como médicas, profesoras ou policías.

Aínda así, alertou de que pode haber inestabilidade no número de doses recibidas porque a distribución e reparto dependen das farmacéuticas e do Ministerio de Sanidade.

Adeus parcial ás máscaras

Despois de que na segunda feira o director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón, augurase que as máscaras comezarán a desaparecer dos espazos ao aire libre "en xullo ou incluso antes", na súa comparecencia o representante da Xunta falou de supresión "en poucas datas", referíndose ao verán.

Ao seu parecer, apurar a retirada ao momento actual podería levar a que a xente deixe de levar este complemento de seguridade enriba e comece a entrar nos locais sen el posto.

Malia esta consideración, García Comesaña non vería con malos ollos que este elemento se mantivera en uso en interiores, mais tamén en todo momento no caso de persoas "inmunodeprimidas" e daquelas "que cren que pode estar contaxiadas", quer de coronavirus ou doutra enfermidade transmisíbel.

"Oxalá quedasen e cando cremos que temos un tipo de infección protexamos aos demais. Oxalá nos quedase iso, e eu son optimista e creo que nalgúns casos vai quedar", engadiu.

Respecto do futuro da hostalaría, comentou que "seguro" que en "dous ou tres anos" máis estabelecementos demandan terrazas e procuran "novas formas de ventilar".