O Sergas comezará a vindeira semana a inocular a cuarta dose da vacina da Covid-19 ás persoas inmunodeprimidas

Puntos de vacinación masiva no Instituto Feiral de Vigo (Ifevi) no pasado mes de marzo (Foto: Europa Press)
Desde o comezo da vacinación contra o coronavirus, o persoal sanitario galego subministrou un total de 6.508.220 doses.

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) comezará a vindeira semana a inocular a cuarta dose da vacina da Covid-19 ás 20.000 persoas que integran a poboación inmunodeprimida na Galiza.

Así o anunciou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo na rolda de prensa posterior a reunión semanal do Goberno galego.

Deste xeito, o Sergas entrará nunha nova fase de vacinación ao mesmo tempo que prosegue a inoculación da segunda dose ás crianzas de 5 a 11 anos.

O presidente do Executivo galego tamén informou que a vindeira semana o comité clínico que asesora a Consellaría de Sanidade volverá a reunirse para "tomar algunha medida e facer axustes" nas restricións que seguen vixentes no país.

Datos de vacinación

Desde o comezo da vacinación contra o coronavirus, o persoal sanitario galego subministrou un total de 6.508.220 doses. Con estes datos, 2.445.064 galegos e galegas contan xa coa pauta de vacinación completa.

Deles, 2.262.782 vacináronse segundo os criterios de idade; 27.710 son persoas dependentes institucionalizadas e 16.326 non instituucionalizadas. Ademais, 17.641 persoas con condicións de alto risco xa contan con polo menos dúas doses da vacina.

Por probabilidade de exposición, teñen a pauta de vacinación completa 76.318 profesionais do ámbito sanitario, 28.779 profesionais do ámbito socio-sanitario e 14.781 traballadoras de actividades esenciais.