O Sergas, condenado a indemnizar unha paciente que tivo que operarse na sanidade privada polo "atraso" na pública

Xulgados de Vigo. (Foto: Europa Press)
"Foron gastos que non tiña o deber de soportar, que afrontou debido á parsimonia e inacción do Sergas", recolle a sentenza.

O Xulgado do Contencioso Administrativo número 2 de Vigo vén de condenar o Sergas a pagar 8.471 euros a unha paciente que se tratou pola privada ante o "atraso" que sufriu na sanidade pública.

Na sentenza, que é firme e contra a cal non cabe interpor recurso ningún, o maxistrado explica que a pesar de que a doenza non supuña un risco grave para a saúde da persoa, si quedou demostrada unha "atención defectuosa" por parte do Sergas.

Por iso, a muller decidiu tratarse na privada, asumindo ela o custo, que ascendeu a 6.471 euros. Agora, o xulgado suma 2.000 euros máis á indemnización para percibir polos danos e prexuízos causados.

"Entendo que é xusto o reembolso á actora na medida en que foron gastos que non tiña o deber de soportar, que os afrontou debido á parsimonia e inacción da demandada [o Sergas]", subliña a sentenza. O xuíz considera acreditado o atraso terapéutico, pola "demora indebida" na posta ao dispor do paciente dos medios coñecidos para o seu tratamento.

Feitos

Os feitos xulgados remóntanse a marzo de 2018, cando a paciente acode á sanidade privada para facerse unha ecografía abdominal, na que lle achan síntomas dunha posíbel lesión benigna na vesícula.

Por iso, asiste en varias ocasións ao seu centro de saúde e ao servizo de dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, até que en 2019 é sometida a outra ecografía na sanidade pública, achando resultados similares, polo que se lle estabelece un plan para revisalo.

Con todo, ela volve á privada, onde unha nova ecografía confirma achados altamente suxestivos da devandita enfermidade, polo que se lle prescribe unha intervención preferente polo risco de complicacións futuras. Así, acode de novo ao Sergas con esta diagnose, pero finalmente foi operada pola privada en setembro, asumindo ela o custo.