“Hai que investigar se Povisa emprega os cartos do concerto do Sergas para mellorar a súa atención privada”

CIG denunciou que o hospital privado, no que teñen asignada a súa asistencia sanitaria pública miles de cidadás de Vigo, ten como obxectivo reducir as actuacións en pacientes derivadas do Sergas “que non acheguen ningún valor engadido” para “mellorar o noso tempo de resposta a pacientes privados”. Manuel Moreira, médico de familia e responsábel de CIG-Saúde en Vigo, indica a Sermos Galiza, que este sindicato xa pediu ao Sergas unha investigación sobre este tema.

Manuel G. Moreira cualifica como “preocupante” que Povisa se marque eses obxectivos. “Que poñan por escrito que hai que reducir recursos dos pacientes Sergas para destinalos á privada xera moitas preguntas. Hai que investigar se os cartos que lle paga o Sergas polo concerto [para atender a cidadanía que ten asignada a súa asistencia sanitaria pública nese hospital] Povisa emprégaos para a súa asistencia privada”. A CIG xa se dirixiu ao Sergas para solicitarlle que se investigue este tema e que “faga público, cando estean, os resultados” desa pesquisa.

Vigo foi e é un banco de probas experimental de privatización na sanidade”

Este médico de familia e responsábel de CIG-Saúde en Vigo pregúntase tamén quen fixa os criterios en base aos que se van “reducir” as actuacións (consultas, probas, intervencións...) en pacientes derivadas do Sergas. “Vaino fixar a profesional ou vai ser a empresa? O criterio vai ser pensar no mellor para o paciente ou en reducir a débeda?”.

O que acontece en Povisa é, defende, una mostra máis da necesidade de “recuperar a área sanitaria de Vigo para a xestión pública 100%”. Afirma que Vigo foi e é “un banco de probas experimental de privatización na sanidade” e que as consecuencias págaas a ciudadanía.