O Sergas, "en alerta" para identificar a "causa específica" dos dous casos de hepatite aguda infantil detectados

Urxencias do CHUS, en Compostela. (Foto: Nós Diario)
Os profesionais sanitarios trasladan unha mensaxe de "tranquilidade", xa que "a alerta é a nivel sanitario e de investigación".

O xefe e coordinador do Servizo de Pediatría do Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS), Federico Martinón, afirmou nesta cuarta feira que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) está "en alerta" para identificar a "causa específica" da hepatite aguda infantil, despois de que se detectasen dous casos de orixe descoñecida en crianzas  na Galiza.

"Ante a aparición destes dous supostos casos de hepatite aguda infantil na Galiza non podemos facer ningunha recomendación específica porque aínda non sabemos cal é a causa exacta destes casos", afirmou o sanitario a Europa Press.

Martinón afirmou que "o sistema sanitario está alerta, os profesionais estamos alerta, xa descartamos hepatite de habitualmente en calquera paciente que atendemos, pero estaremos especificamente alerta ante esta posibilidade, ante calquera crianza que acuda ao sistema sanitario, sexa en Atención Primaria ou en urxencias ou hospital".

Por iso, insistiu en apelar á "tranquilidade", xa que "a alerta é a nivel sanitario e de investigación". Tamén explicou que "o motivo polo que xurdiu esta alerta non é tanto o caso de que se produzan casos de hepatite en crianzas nas que non se identificou unha causa concreta, que pode suceder, senón que se acumularon casos no tempo e no espazo en determinadas áreas xeográficas".

Notificación dos casos de hepatite

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellaría de Sanidade notificou ao Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias do Ministerio de Sanidade a detección na Galiza de dous casos de hepatite aguda infantil de orixe descoñecida, que cumpren os criterios de inclusión determinados polas autoridades sanitarias.

Unha vez remitida a información, o Centro de Coordinación de Alertas fará as probas pertinentes. Un dos casos pasou a doenza no mes de xaneiro e outro está recuperándose na actualidade.

Tras recibir a alerta sanitaria por parte do Ministerio de Sanidade, a Consellaría de Sanidade iniciou unha procura activa de casos, tamén con carácter retroactivo, de persoas ingresadas durante este ano 2022.

 

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, xa apuntara a pasada semana que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) "está alerta", logo de que o Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias, dependente da Dirección Xeral de Saúde Pública do Ministerio de Sanidade, informara ás comunidades autónomas da detección de varios casos de hepatite aguda, de orixe descoñecida, en rapaces e rapazas menores de dez anos.