A Galiza rexistra os dous primeiros casos de hepatite aguda infantil

Os casos analizados cumpren os criterios de inclusión determinados polas autoridades sanitarias. (Foto: Angello Deco)
O doutor Federico Martinón, do CHUS, di que os casos detectados até o momento "entran dentro do esperábel" e envía unha mensaxe de "absoluta tranquilidade".

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellaría de Sanidade notificou ao Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias do Ministerio de Sanidade a detección na Galiza de dous casos de hepatite aguda infantil de orixe descoñecida, que cumpren os criterios de inclusión determinados polas autoridades sanitarias.

Unha vez remitida a información, o Centro de Coordinación de Alertas fará as probas pertinentes. Un dos casos pasou a doenza no mes de xaneiro e outro está recuperándose na actualidade.

Tras recibir a alerta sanitaria por parte do Ministerio de Sanidade, a Consellaría de Sanidade iniciou unha procura activa de casos, tamén con carácter retroactivo, de persoas ingresadas durante este ano 2022.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, xa apuntara a pasada semana que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) "está alerta", logo de que o Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias, dependente da Dirección Xeral de Saúde Pública do Ministerio de Sanidade, informara ás comunidades autónomas da detección de varios casos de hepatite aguda, de orixe descoñecida, en rapaces e rapazas menores de dez anos.

Por este motivo, desde o Ministerio realizouse unha comunicación a todas as comunidades autónomas para realizar unha "observación e procura activa" de posíbeis casos.

Casos en Europa

A semana pasada tíñase coñecemento da aparición de diversos casos de hepatite aguda infantil de orixe descoñecida no Reino Unido, principalmente en Inglaterra. Esta terza feira notificáronse novos casos en países como Dinamarca ou Países Baixos. Tamén nos Estados Unidos apareceron novos casos de crianzas que están a pasar a doenza.

A hepatite aguda

A hepatite é unha inflamación no fígado que pode afectar as funcións deste órgano que é fundamental para funcións como a depuración de moitas substancias no organismo ou o tratamento dos nutrientes.

O xefe do Servizo de Pediatría do Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS), Federico Martinón, lanzou esta terza feira unha mensaxe de "absoluta tranquilidade" sobre a hepatite aguda de orixe descoñecida en nenos.

"Os casos denunciados en España están dentro do número previsto", asegurou. Así o indicou durante o V Seminario para xornalistas organizado por Pfizer en colaboración coa Asociación Nacional de Informadores Sanitarios."Estabeleceuse unha alerta, o que significa que os sistemas de  vixilancia epidemiolóxica están a funcionar", lembrou.

Neste senso, explicou que dita alerta "non foi tanto porque se produzan casos de hepatite en nenos coma estes, senón pola agrupación de moitos casos nun determinado período de tempo e nun determinado país".