PENSAR A GALIZA POS-COVID

Serafín González (SGHN): "Galiza, desde o punto de vista ambiental, é un territorio en quebra"

erafín González, Sociedade galega de historia natural (Foto: Uvigo)
Serafín González é científico do CSIC no Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas da Galiza e o presidente, desde hai máis de 20 anos, da Sociedade Galega de Historia Natural, unha das máis destacadas do país no estudo e na defensa do medio natural. Todoas as análises coinciden en que a multiplicación do virus da Covid-19, e doutras pandemias, está intimamente ligada á deterioración do medio e ao empobrecemento da biodiversidade. Falamos con González para testar o estado en que se atopan as relacións coa natureza na Galiza. 

Unha das cousas que pon de manifesto a pandemia é a anómala relación que mantemos co mundo natural. Que podemos aprender desta crise?

Tomando o exemplo que sempre colocaba un dos grandes ecólogos de todos os tempos, o catalán Ramón Margalef, o que pon de manifesto esta crise é que de súpeto a humanidade atopou os límites do planeta. Temos que cambiar de estratexia e adaptarnos a esta situación. Estamos invadindo de tal modo todos os recunchos do planeta que lles xeramos a moitas especies un problema de estrés que, á súa vez, provoca que sexan portadores dunha menor carga inmunitaria e unha maior carga vírica. Ao tempo, entramos en contacto con elas, o que provoca, inevitabelmente, episodios de zoonose que nos afectan directamente. Isto debería levarnos a reavaliar o noso papel ante a biodiversidade e ante a conservación dos ecosistemas e a reformularnos ese sistema de desenvolvemento que nos leva a confinar a natureza con resultados tan contrarios aos nosos propios intereses.

Semella un pouco paradoxal: os anuncios sobre o colapso do planeta case sempre estaban asociados a imaxes catastróficas como enchentes, incendios, desertización… e, non obstante, foi un pequeno becho o que puxo en xaque toda a humanidade.

Moitos xa esperaban este desenlace. Os expertos xa viñan alertando desta cuestión porque había indicios moi claros. Outra cousa é que se lle dese a importancia social e mediática que merecían. Algunhas veces teño falado do exemplo das píntegas holandesas, sen ir moi lonxe. Hai uns meses, a Oficina da Convención de Bonn sobre a Conservación da Diversidade lanzou unha campaña que se chamaba "Pensa máis aló" e referíanse á situación dramática que estaban a vivir diversas especies de anfibios e de réptiles. Puñan un exemplo moi claro sobre as píntegas en Holanda: púxose de moda importar como un animal de acuario unha especie de píntega oriental que padecía unha enfermidade contra a cal as píntegas europeas non tiñan defensas. Só o liberar a auga dos acuarios nos que vivía esa especie exótica ao medio provocou o espallamento do patóxeno, que acabou co 99% das píntegas dos Países Baixos.

Se estivésemos minimamente atentos a estes fenómenos que se dan –moitas veces, como neste caso, por capricho, por posuír unha mascota exótica– teriamos unha maior consciencia da magnitude do problema. Porque nese caso foron as píntegas, pero agora é a humanidade ao completo a que padece as consecuencias. Porque ao contrario que as píntegas, nós viaxamos por todo o planeta en cuestión de horas, o que converte a pandemia nunha ameaza global. Este tipo de episodios de zoonose xa se repetiu noutras ocasións, mais non fomos o suficientemente observadores para decatarnos do que estabamos a facer. Agora é o momento de tomar nota e modificar o noso comportamento para evitar sucesos parecidos.

Cales serían as prioridades na Galiza para reverter esa relación destrutiva que mantemos co medio? Cales son os principais problemas ambientais que padecemos?

O principal problema que temos na Galiza, aínda que soe demasiado forte, é que desde un punto de vista ambiental Galiza é un territorio falido. Somos unha comunidade en quebra ambiental. Imos sempre con atraso nos compromisos básicos como a depuración das augas ou no cumprimento das esixencias básicas da Rede Natura; presentamos a porcentaxe de territorio protexido máis cativa do Estado e a que temos non a estamos a protexer como debemos; a meirande parte das especies máis ameazadas nin sequera teñen un plan de recuperación. Para pór un exemplo de moita actualidade: na última xuntanza do Consello Galego de Medio Ambiente, a Consellaría presentaba toda orgullosa o Plan de xestión do souto da Retorta, ou de Chavín, en Viveiro: unha formación de eucaliptos! Temos unha formación de eucaliptos declarada como Monumento Natural. Para ese –que pode ter un valor de xardinaría pero nunca natural– si que se están a elaborar as ferramentas de xestión das que carecen as dunas de Corrubedo ou as fragas do Eume. Igual que non temos un plan de recuperación de case ningunha das especies ameazadas de extinción na Galiza.

A entrevista na íntegra podes lela no Nós Diario en papel ou na nube. Se aínda non es subscritora ou subscritor podes facelo aquí: http://bit.ly/3hCH3Qu