Serafín e Carlos, tres anos agardando o indulto

Carlos Rivas e Serafín Rodríguez nunha concentración diante do MARCO [Imaxe CIG]

Os dous traballadores do sector do transporte foron condenados a tres anos de prisión por participar nun piquete de folga en 2008. Esta quinta feira 9 de xuño haberá unha concentración por eles en Vigo (20 horas, perante o Museo de Arte Contemporánea)

O seu non é un caso mediático. Apenas ocupan páxinas na imprensa local e non hai rastro dos seus nomes alén das fronteiras galegas mais estes operarios, vigueses, do sector do transporte, agardan desde hai tres anos por un indulto que non chega. 

Foron condenados en 2011 por un presunto delito contra os dereitos dos traballadores

Foron condenados en 2011 por un presunto delito contra os dereitos dos traballadores no marco das mobilizacións que tiveron lugar en 2008 cando o sector pelexaba por un convenio colectivo xusto. Desde entón, agardan que o goberno español adopte unha medida coa que evitar o seu ingreso en prisión. Esta quinta feira, como acontece cada mes, unha concentración diante do Museo de Arte Contemporánea (MARCO) volverá reclamar o indulto solicitado ao goberno en 2013 mais sobre o que aínda non se pronunciou o executivo español. 

No tempo transcorrido os avatares xudiciais sucedéronse a contagotas. O Xulgado do Penal de Vigo suspendeu a execución da pena imposta --tres anos de privación de liberdade-- “mentres se tramita e non se resolva o expediente de solicitude de indulto”. Porén, a Fiscalía oponse a que esta medida de graza lles sexa aplicada a Serafín Rodríguez e Carlos Rivas ao entender que as razóns argüídas, de carácter familias, persoal e laboral, non se axustan a dereito. Así, o Ministerio Público exixe o cumprimento da pena o que abocaría os operarios a entrar na cadea. 

"Entrar na cadea fúndeche a vida, perdes o traballo. Non é unha brincadeira", recoñecía Serafín en 2014

En febreiro de 2014, Serafín Rodríguez relataba en conversa con Sermos Galiza os acontecementos de 2008 e tamén denunciaba a "inxustiza total" que supoña a condena para el, para Carlos, mais tamén para as súas familias. "Como lles explico eu ás miñas fillas que o seu pai vai ir á cadea sen facer nada?", aseguraba. "Entrar na cadea fúndeche a vida, perdes o traballo. Non é unha brincadeira", sentenciaba. 

Sen novidades desde 2014

O tempo pasa e a procesión vai por dentro. Ambos os dous operarios "confían en que non pase nada" e o indulto chege, sinalan fontes sindicais consultadas por Sermos Galiza. "Eles estaban nunha folga legal, tocoulles como lle podía tocar a calquera", acrecentan. 

Desde 2014 "non hai novidades, nada". Aliás, nos últimos meses, cun goberno en funcións, coidan que pode transcorrer bastante tempo até que se resolva o seu caso. 

As solicitudes de indulto disparáronse desde 2010 pasando de 5.400 a 7.800 en 2014

Así as cousas, o executivo español concedeu entre 2008 e 2015 unha media de 15 indultos anuais. Os últimos aprobados no mes de marzo de 2016 con motivo da festividade de Pascua. En total 13 que atinxiron delitos contra a sanidade pública (11), roubo e estafa continuada nos que por vez primeira se incluíron as razóns nas que foi baseada a decisión. 

A desta quinta feira será a última concentración polo indulto de Carlos e Serafín, cando menos até despois do verán. Sucédense todas as segundas quintas feiras do mes mais as organizacións sindicais estudan a posibilidade de mudar de accións para dar un novo pulo á campaña en defensa dos dereitos destes dous operarios.