"Como lles explico eu ás miñas fillas que o seu pai vai ir á cadea sen facer nada?"

Serafín Rodríguez e Carlos Rivas están a piques de entrar en prisión após seren condenados a 3 anos de cadea por un delito "contra os dereitos d@s traballador@s" supostamente cometido na folga do transporte de 2008. Repasamos con Serafín o acontecido e como están a vivir esta situación.

 

"Había unha folga do transporte pola negociación do convenio. Ese día había unha reunión na rotonda de Bouzas, onde está a gasolineira, ás 12.00 da noite. Ian informarnos de como estaba a negociación do convenio os tres sindicatos. Cheguei sobre as doce menos cuarto. Estabamos agardando, eu cun compañeiro falando. Había unha ou dúas grilleiras en fronte. Saíu un policía, veu xunto a min e díxome: 'Acompáñeme ao furgón'. Pregunteille por que e díxome que fora. Non te podes negar, de maneira que alá fun. Ao chegar díxome, 'déixeme a súa documentación' e dixen 'como? por que?'. Respondeume que me viran tirar pedras. Eu acababa de chegar, como que me viran tirar pedras? Díxome que estivese tranquilo, que estaba todo gravado e que se non fixera nada non tiña por que preocuparme. 

Eu quedei tranquilo. Comentei o caso co meu compañeiro e despois da reunión marchei para a casa. De alí a un tempo chegoume a notificación do xulgado con dous delitos: un por tirar pedras e outro contra o dereito dos traballadores. Do primeiro fun absolto porque non había probas, eu non tirara nada. Imputáronme o do delito contra o dereito dos traballadores e son os 3 anos de cadea que me piden."

Así lembra Serafín Rodríguez o que aconteceu aquela madrugada de 2008. Traballador do transporte, casado e con dúas crianzas (de 3 e 8 anos), foi condenado a 3 anos de privación de liberdade xunto con Carlos Rivas. Daquela greve lembra que "foi unha das máis pacíficas, mesmo recoñecido polos empresarios". Agora, a piques de se materializar a sentenza da Audiencia provincial, asegura que "non me entra na cabeza" como puideron ser condenados "por non facer nada". "Eu", salienta, "na xustiza xa non creo". 

O PP rexeita outorgar o indulto 

A campaña de apoio a Serafín e Carlos intensificouse nos últimos días perante a inminente execución da sentenza. Neste senso, aos milleiros de persoas que se congregaron en Vigo a pasada fin de semana para demandaren o indulto para estes dous traballadores, súmanse as máis de 4.000 sinaturas recollidas na plataforma virtual change.org. No entanto, o Goberno español continúa sen se pronunciar e, no caso galego, o Partido Popular xa rexeitou demandalo. 

"Ogallá ningún familiar desas persoas [dos deputados do PP] pase polo que estou pasando eu, porque é unha inxustiza total", apunta Serafín, ao tempo que, di, "entrar na cadea fúndeche a vida, perdes o traballo. Non é unha brincadeira". Sen antecedentes penais e cunha vida normalizada, Serafín [mais tamén Carlos] pregúntanse como explicar ás súas crianzas "que seu pai vai ir á cadea sen facer nada". 

Unha maré de solidariedade

Malia todo, Serafín recoñece que "axuda moito" a sobrelevar a situación a solidariedade amosada nas rúas da cidade olívica por persoas chegadas desde todos os puntos do país. "Non contaba con tanta xente, co día que facía". Tanto el coma Carlos amosaron a súa emoción e sorpresa pola maré humana que asolagou as rúas viguesas reclamando o indulto para ambos os dous traballadores. "Hai xente que non me coñece de nada que me amosan o seu apoio pola rúa" porque, explica, "saben que me pasou a min como lles podería pasar a eles". 

Á espera de que a xustiza emita o ditame de execución da sentenza --a partir do momento en que lles restarán 10 días para entraren en prisión-- desde a CIG, CCOO e UGT continúan a reclamar o indulto ao berro de "Non pode ser, non pode ser, obreiros na cadea e corruptos no poder".